Os ‘micromachismos’ centran este martes a sesión dos Encontros de Lúa Chea na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría

Os Encontros de Lúa Chea, un programa de encontros informais organizados polo colectivo Proxéctate en Galego para divulgar contidos académicos transversais de interese xeral ou de actualidade universitaria, tratarán este martes 6 de marzo, na cafetería da Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC a temática dos ‘micromachismos’.
A sesión, de acceso libre e de balde para todo o público interesados, desenvolverase a partir das 19.30 horas baixo o título ‘Micromachismos: de “micro” nada’. A profesora da área de Antropoloxía Social da USC no campus de Lugo Elena Freire Paz situará a temática da sesión, ao tempo que presentará á súa colega docente e gañadora da última edición dos Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero da USC na modalidade de investigación, Guadalupe Jiménez-Esquinas, quen afondará sobre esta temática.