Milesios abre este venres o Lubicán Íntimo coa presentación do seu álbum ‘Indoevindo’ no auditorio da Casa do Saber de Lugo

O grupo lugués de música tradicional galega Milesios presenta este venres, a partir das 21.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, o seu último álbum, ‘Indoevindo’, un traballo gravado, mesturado e masterizado en Abrigueiro Estudios por Arturo Vaquero.
A presentación deste novo disco, no que Milesios continúa a explorar as relacións entre a música galega e irlandesa con pezas que beben de ambas tradicións e outras de composición propia, serve de concerto de apertura do ciclo Lubicán Íntimo, un programa a prol da música galega ou de raíz galega, organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, no que participan con achegas económicas Concello e Deputación de Lugo e USC.
A principal mudanza que presenta ‘Indoevindo’ respecto á anterior entrega de Milesios obedece á incorporación da voz en catro das pezas. Tres destas pezas son adaptacións de cantos tradicionais e na cuarta, Milesios pon música ao poema ‘Anceio’, publicado en 1954 por Manuel María dentro do libro ‘Advento’.
O novo traballo de Milesios componse de 11 temas que queren ser un concerto itinerante. Despois deste repertorio que conforma o concerto, o público poderá atopar unha paisaxe sonora, creada sobre unha idea de Daniel Díaz, que evoca o noso ir e vir cotián e contén os ecos do concerto escoitado.
Como colofón deste disco, Milesios ofrece unhas xotas e unhas muiñeiras. Daquela, ‘Indoevindo’ ofrece preto dunha hora de música que se insire nas paisaxes que se repiten, sempre distintas, indo e vindo, das fotografías de Daniel Díaz Trigo.
A entrada ao concerto que ofrecerá este venres Milesios no auditorio da Casa do Saber é libre e de balde para todo o público interesado ata completar o aforo.