Medio millar de escolares celebraron o Día Internacional dos Dereitos da Infancia co proxecto campUSCulturae da USC

O proxecto campUSCulturae da USC celebrou este martes 20 o Día Internacional dos Dereitos da Infancia cun acto no Auditorio de NovaGalicia Banco no que participaron máis de 500 alumnos de 11 centros de ensino de toda Galicia. A actividade inaugurárona o vicerreitor de Cultura, Estudantes e Formación Continua da USC, Francisco Durán; o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; e Irene García García e Xosé A. Neira Cruz, coordinadores do proxecto europeo campUSCulturae co financiado pola Culture Agency da UE para pór en valor as culturas minoritarias e apostar pola diversidade cultural do planeta. Nun ateigado auditorio os alumnos e as alumnas de centros de ensino galegos de entre 6 e 14 anos presentaron, interpretaron e reivindicaron a Declaración Internacional dos Dereitos da Infancia aprobada por Nacións Unidas o 20 de novembro de 1959. O encargado de conducir o acto foi Pablo Trasno, que entre monólogo e monólogo ía dando paso ás intervencións do alumnado, á performance teatral Living Room a cargo do artista estadounidense Joshua McCarey e á actuación do violinista armenio-libanés Ara Malikian, un virtuoso preocupado pola promoción entre os máis pequenos da música como canle para entendemento intercultural, como demostrou no seu concerto As miñas primeiras catro estacións. O broche final puxérono os Bolechas. Nesta ocasión participaron escolares dos CEIP de Quintela (Moaña), Humberto Juanes de Nigrán, Santiago Apóstolo de Mugardos e Centieiras de Fene; os Colexios composteláns San Pelayo-Emma, Divino Mestre e dos Remedios; o CPR Padres Franciscanos de Lugo; e os IES Arcebispo Xelmírez II de Santiago, Afonso X O Sabio de Cambre e o de Breamo de Pontedeume.