Ir o contido principal

Máis dun milleiro de estudantes beneficiaranse do acordo asinado entre a USC e a Xunta para a realización de prácticas en centros do Sergas e da Consellaría de Sanidade

O Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o reitor da USC, Antonio López, na sinatura do convenio
O Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o reitor da USC, Antonio López, na sinatura do convenio
No acordo, o primeiro que dá cobertura de xeito conxunto ao alumnado de case 30 titulacións, establécense a forma e condicións de cooperación para a adecuada planificación, desenvolvemento e avaliación das prácticas de graos e mestrados

Regular a formación práctica do alumnado da USC en centros do Sergas e da Consellaría de Sanidade, promovendo o seu desenvolvemento profesional e acceso ao mercado laboral é o principal obxectivo do novo convenio de colaboración educativa asinado este venres polo reitor da USC, Antonio López e o conselleiro de Sanidade e presidente do Servizo Galego de Saúde e da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, Julio García Comesaña.

Por primeira vez, Universidade e Xunta tramitan un convenio conxunto que dá cobertura ao alumnado de case unha trintena de titulacións, tanto do eido sanitario como do non sanitario, e que ata o de agora se rexían por convenios de seu.

O texto determina as condicións para o desenvolvemento de proxectos formativos das prácticas, o seu lugar de realización, a duración, horarios e réxime de permisos, o sistema de avaliación, orientación e seguimento e os dereitos e obrigas do alumnado.

As titulacións incluídas neste convenio son Farmacia; Nutrición Humana e Dietética; Óptica e Optometría; Pedagoxía; Psicoloxía; Veterinaria; e os mestrados en Atención Sanitaria, Xestión e Coidados; Psicoloxía Xeral Sanitaria; Psicoxerontoloxía; Saúde Pública; Investigación Química e Química Industrial. O convenio dá cobertura tamén ás prácticas dentro do Sergas de alumnado de titulacións como as de Administración e Dirección de Empresas; Bioloxía, Bioquímica; Biotecnoloxía; Ciencias Políticas e da Administración; Economía; Enxeñería Informática; Enxeñaría Química; Física; Historia; Historia da Arte; Matemáticas; Química; Relacións Laborais e Recursos Humanos; e Xeografía e Ordenación do Territorio. Finalmente, tamén é de aplicación o convenio nas prácticas en período non lectivo dos alumnos de Medicina, Odontoloxía e Enfermaría.

Non se aplica, porén, ás prácticas curriculares de Medicina, Odontoloxía e Enfermaría, que continuarán a rexerse polo concerto entre a USC e o Sergas para a utilización das institucións sanitarias na investigación e docencia universitarias, do que se benefician 1.900 estudantes máis.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.11.2021.