Ir o contido principal

Un milleiro de estudantes recibiu o recoñecemento da USC por obter os mellores expedientes nas ABAU

O Multiusos Fontes do Sar acolleu o acto de recoñecemento da USC ás e aos estudantes con mellores expedientes nas ABAU. FOTO: Santi Alvite
O Multiusos Fontes do Sar acolleu o acto de recoñecemento da USC ás e aos estudantes con mellores expedientes nas ABAU. FOTO: Santi Alvite
O acto estivo presidido polo reitor Antonio López e rendeu tributo ao alumnado con mellores cualificacións dos centros de ensino medio de Galicia
Lugo, Santiago de Compostela

A USC celebrou este xoves 23 o acto de recoñecemento ao alumnado con mellores expedientes nas ABAU de entre todos os centros de ensino medio de Galicia, cifra que este ano ascendeu a 1.061 mozos e mozas. O acto desenvolveuse no Multiusos Fontes do Sar e estivo presidido polo reitor Antonio López. O conxunto do alumnado homenaxeado está conformado por un 70% de alumnas, fronte a un 30% de estudantes varóns. Ademais, na distribución por provincias, A Coruña concentra un maior número de mozas e mozos abranguendo preto da metade dos mellores expedientes, seguida de Pontevedra cun 30%. As porcentaxes de Lugo e Ourense sitúanse arredor do 11% e do 10%, respectivamente.

A sesión contou coa presenza de Judith Fernández Novoa, directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa; do concelleiro de Xuventude e  Deportes do Concello de Lugo, Mauricio Repetto Morbán; do segundo tenente de alcalde do Concello de Santiago de Compostela, Gumersindo Guinarte Cabada; e do delegado do reitor para Ensino Medio, Celso Rodríguez Fernández; así como unha representación do equipo de goberno e das direccións de diversos centros dos campus de Santiago e Lugo.

Julio Raposo Bouzas, estudante do CPR Manuel Peleteiro de Santiago, interviu en representación do alumnado de Bacharelato de Galicia; mentres que Francisco Javier Núñez Aguado, director do IES 'Nosa Señora dos Ollos Grandes' de Lugo, falou en representación dos centros de Ensino Medio de Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.03.2023.