Ir o contido principal

Un milleiro de inscritos no I Foro de Emprego da USC

Os datos presentáronos (de esquerda a dereita) o vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José Manuel Mayán; a decana da Facultade de Económicas, Maite Cancelo, e o concelleiro de...
Os datos presentáronos (de esquerda a dereita) o vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José Manuel Mayán; a decana da Facultade de Económicas, Maite Cancelo, e o concelleiro de...
O obxectivo é facilitar a inserción laboral dos titulados e a súa promoción no mercado laboral

A primeira edición do Foro de Emprego da USC que se celebra estes días na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais conta cun milleiro de universitarios inscritos e máis de douscentos solicitantes en lista de agarda. Estas cifras constatan o éxito alcanzado nesta convocatoria na que xa se entregaron ás empresas máis de cincocentos currículos.
Os datos presentáronos esta mañá en rolda de prensa o vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José Manuel Mayán, xunto coa decana da Facultade de Económicas e presidenta do comité organizador, Maite Cancelo, e o concelleiro de Promoción Económica, José Manuel Iglesias, quen se congratularon pola alta participación neste foro que espera ter continuidade nos vindeiros anos.
Segundo explicaron, o encontro organizouse co fin de ofrecer unha oportunidade aos alumnos de últimos cursos e recén titulados de atopar traballo e ás empresas de coñecer a cualificación dos futuros traballadores. Neste senso, algunhas das empresas participantes comezaron xa a realizar entrevistas persoais, unha vez estudados os currículos, nun proceso de selección que continuará ao longo destes días.
Empresas participantesO I Foro de Emprego da USC, iniciativa do Servizo de Apoio ao Emprendemento e ao Emprego da Vicerreitoría de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, coa promoción e patrocinio de entidades como as consellarías de Traballo e de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, o Consello Social da USC, o Concello de Santiago, e organizacións e empresas como Caixa Galicia, RepsolYPF ou Accenture.
Neste encontro participan ao redor de 30 empresas e entidades procedentes de todos os sectores e de implantación galega, nacional e internacional, Colexios Profesionais e portais de emprego. Así, entre outras asisten Coritel, BBVA, Ernst&Young, Decathlon, LKW Walter, Fluor, Bankinter, Banesto, Indra, Deloitte, Barclays, Feuga, Garrigues, Finsa, Caixanova, Coremain, Leroy Merlin, Grupo Eulen, Maersk, SPR, Igape, Softtek, a Cámara de Santiago de Compostela e o Banco Pastor.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.11.2007.