Ir o contido principal

Milleiros de estudantes e persoas recén tituladas participan na Feira Virtual de Emprego da USC

O estudantado pode participar estes dous días na feira. Foto: Santi Alvite
O estudantado pode participar estes dous días na feira. Foto: Santi Alvite
Este evento facilita a estudantes o acceso a ofertas laborais activas así como espazos de interacción directa con empresas e entidades participantes

A Feira Virtual de Emprego da USC desenvolve este martes 6 e o mércores 7 (ata as 20.00 horas) unha nova edición coa misión de conectar o estudantado universitario e persoas tituladas da USC co tecido empresarial, ofrecendo acceso a ofertas laborais activas, charlas sobre empregabilidade e espazos de interacción directa con empresas e entidades participantes.

Para sumarse aos milleiros de persoas que xa están participando, hai que rexistrarse na páxina web e a partir de aí xa se pode acceder a todas as funcionalidades da feira, entre elas subir o currículo vitae para que as máis da vintena de empresas que colaboran poidan acceder a el. Ademais, o programa contempla a asistencia virtual a conferencias e a interacción con empresas e co equipo da Área de Orientación Laboral e Emprego da USC mediante chats públicos ou privados así como vía vídeo-chamada.

Unha vez finalizada a feira, o acceso ás ofertas de emprego e a opción de presentar currículos permanecerán activas durante 15 días adicionais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.05.2025.