Máis de medio millón de visitas a libros da USC en Google Books nos seis primeiros meses do ano

Un total de 505.352 visitas a libros da USC foron efectuadas a través de Google Books entre decembro de 2011 e este mes de xuño, segundo o último informe que o buscador xera periodicamente e envía aos editores. Máis en concreto, na semana que media entre o 3 e o 9 de xuño últimos verifícáronse 15.941 visitas a libros, cun total de 195.984 páxinas consultadas, o que supón un incremento do 4'15% verbo da semana anterior. En total, no período semanal indicado foron visitados 744 títulos únicos, entre os que destacan Patología Médica Veterinaria (2003), con 651 visitas, e o manual Física del Estado Sólido (2008), con 191. Segundo o director do Servizo de Publicacións, Juan L. Blanco Valdés, estas cifras testemuñan “ dun xeito elocuente o inmenso potencial de visibilización de Google Books”, un potencial que se incrementará tamén en termos comerciais coa incorporación á plataforma Google Play, a tenda de ebooks e lecer dixital de Google, que foi presentada en España o pasado día 15, e na que a USC participa polo de agora con máis de 50 títulos dos últimos anos.
A este respecto, Blanco Valdés avanza que a USC “está pechando con Google os últimos detalles dun desenvolvemento tecnolóxico complexo. En outono estaremos en condicións de presentar formalmente a nosa participación en Google Play”.