Ir o contido principal

Milongas e tangos encherán o comedor do Colexio de Fonseca

MilongUSC
MilongUSC
O mércores 14 chega a terceira edición do MilongUSC
Santiago de Compostela

Por terceiro ano consecutivo, o Espazo de Danza da USC que dirixe Juan Carlos Zahera reunirá no Colexio de Fonseca persoas amantes das milongas e do tango no MilongUSC. Será o mércores 14 ás 20.00 horas no Comedor do Colexio, con entrada polo Xardín das Pedras que falan.

A terceira edición do MilongUSC contará coa participación do alumnado do curso de Danza-tango 24/25 da USC que, baixo a ensinanza do profesor Ezequiel Merlo, amosará o aprendido neste curso. O obxectivo do MilongUSC é dar a coñecer o tango e as milongas como ferramenta para conectarse e coñecerse máis e millor.

A milonga é un espazo onde as persoas amantes do tango e da milonga se reúnen para bailar e socializar. Os e as bailarinas adoitan organizarse en ‘tandas’, que son series de tres ou catro cancións consecutivas do mesmo xénero, cun pequeno descanso entre elas. Durante cada tanda, os bailaríns buscan unha parella coa que bailar e poden cambiar entre elas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.05.2025.