Ir o contido principal

‘Os Minhotos’ presenta este xoves nun concerto ao vivo no auditorio de Lugo o seu último traballo ‘Pinga D’agua’

Pedro García Herradón, Mario Outeiro, Carmen Basadre e Bruno Villamor, na presentación do concerto no que 'Os Minhotos' presentará o seu último traballo 'Pinga d'auga'
Pedro García Herradón, Mario Outeiro, Carmen Basadre e Bruno Villamor, na presentación do concerto no que 'Os Minhotos' presentará o seu último traballo 'Pinga d'auga'
O grupo lugués de música tradicional contará na súa actuación coa colaboración de membros da banda de gaitas de ‘Cantigas e Frores’ e doutros músicos

O grupo lugués de música tradicional ‘Os Minhotos’ presentará este xoves, nun concerto ao vivo, a partir das 20.30 horas, no auditorio municipal de Lugo, o seu último traballo, ‘Pinga d’Auga’, un album composto por doce temas, parte dos que son adaptacións de composicións tradicionais e outros son pezas de autor, tal e como indicou onte o compoñente de ‘Os Minhotos’, Bruno Villamor, na Deputación de Lugo, na presentación deste concerto, un acto no que tamén estiveron presentes o vicerreitor de Coordinación do campus, Pedro García Herradón, o deputado delegado da Área de Cultura e Turismo, Mario Outeiro, e a concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua de Lugo, Carmen Basadre.

Villamor aproveitou este acto para agradecer publicamente ás tres entidades adheridas na actualidade ao convenio Lugo Cultural por brindar a ‘Os Minhotos’ a oportunidade de presentar a súa música na capital luguesa no marco do ciclo ‘Lubicán 2013’, “unha proposta cultural que hai que agradecer nos tempos que corren”, dixo. O compoñente de ‘Os Minhotos’, unha formación integrada por Alberto Castro, gaita, pandeiro, pandeireta e bombo; Bruno Villamor, gaitas zanfona, requinta, pandeireta e tamboril; Paula Fernández, acordeón; Vítor Otero, zanfona, gaitas percusións, e Xaneco Tubío, tamboril, pandeiro, pandeireta, tixoletas e ferriño, explicou que “Pinga d’auga’ é un disco agradecido e moi fácil de escoitar”. “É un traballo de música tradicional, no que se empregan máis de vinte instrumentos xa presentes na música tradicional de hai máis dun século, pero con melodías e harmonías propias da actualidade”, dixo Bruno Villamor, para logo engadir que ‘Os Minhotos’ contarán neste concerto de presentación coas achegas musicais de varios dos colaboradores do disco, como José Ramón Saborido, Mónica Fernández, Begoña Lorenzo, Nerea Fouz e Óscar Trigo. A banda de Gaitas de ‘Cantigas e Frores’ tamén terá participación neste concerto, no que interpreterá algúns temas con ‘Os Minhotos’.

O acto presentación do segundo concerto ‘Lubicán 2013’, un ciclo a través do que se pretende a promoción de novos artistas lugueses e galegos e que continuará o vindeiro 4 de abril cun concerto de ‘Narf’ e Marcos Teira, serviu tamén para facer fincapé no carácter gratuíto das actividades organizadas na capital luguesa ao abeiro do convenio Lugo Cultural.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.03.2013.