Ir o contido principal

A ministra de Educación recibiu ao equipo, capitaneado polo profesor da USC Felipe Gago, que representará a España na Olimpíada Matemática Internacional

A ministra co equipo que representará a España na Olímpiada Matemática Internacional xunto coa presidenta da Real Sociedad Matemática Española, o decano da Facultade de Matemáticas da Complutense e o...
A ministra co equipo que representará a España na Olímpiada Matemática Internacional xunto coa presidenta da Real Sociedad Matemática Española, o decano da Facultade de Matemáticas da Complutense e o...

A ministra de Educación, Política Social e Deporte, Mercedes Cabrera, acaba de recibir ao equipo capitaneado polo profesor da USC Felipe Gago que representará a España na 49st International Mathematics Olympiad. O grupo confórmano os seus alumnos que se alzaron coas medallas na Fase Nacional da XLIV Olimpíada Matemática Española. Por primeira vez na súa historia, a Olimpíada Matemática Internacional vaise celebrar entre os días 10 e 22 de xullo en España, concretamente en Madrid.
O equipo confórmano, ademais de Felipe Gago, Luis Hernández (titor) e os alumnos Diego Izquierdo Arseguet (18 anos), Juan José Madrigal Martínez (17 anos), Arnau Messegué Busian (17 anos), Gabriel Fürstenheim Milerud (18 anos), Moisés Herradón Cueto (16 anos) e David Alfaya Sánchez (17 anos). Na recepción coa ministra, acompañaron á delegación a presidenta da Real Sociedad Matemática Española, o decano da Facultade de Matemáticas da Universidade Complutense e o presidente do xurado Internacional da 49 IMO.
A ministra destacou que toda sociedade que pretenda ter algún grao de desenvolvemento autónomo, necesariamente precisa de mozos con talento para as ciencias en xeral e para as matemáticas en particular, que no futuro estarán chamados a liderar os avances científicos e tecnolóxico. Pola súa parte a presidenta da RSME, Olga Gil Medrano, lembrou que por vez primeira en moito tempo, non se clasificou ningunha rapaza entre os primeiros, se ben a súa participación nas fases locais continúa a medrar.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.07.2008.