O ministro Ángel Gabilondo inaugurou en Santiago a Conferencia sobre Universidades emprendedoras, organizada pola Presidencia Española da UE

O ministro de Educación, Ángel Gabilondo, inaugurou na Universidade de Santiago a Conferencia sobre Universidades emprendedoras que, organizada pola Presidencia Española da Unión Europea, ten lugar este luns 22 e o 23 de marzo “nunha Universidade cun marcado estilo emprendedor”, declarou.
No Salón Nobre do Colexio de Fonseca, e ante máis dun cento de asistentes, o ministro Gabilondo animou ás Universidades a continuar co camiño iniciado hai apenas unha década de reforzamento da capacidade de innovación e transferencia do coñecemento, “necesario tamén para a recuperación económica e social de Europa”. De feito, anuncioulles que a Presidencia española da Unión Europea terá “moi en conta” as conclusións ás que se cheguen neste encontro, que “deberá analizar criticamente o noso papel para o desenvolvemento tecnolóxico e de innovación”.
Lembrou no seu discurso que mostra da importancia que a nova Europa lle concede á educación é que tanto esta como a I+D son dous dos eixos fundamentais da nova estratexia 2020 que renovará as “pautas de progreso que marcaba a Axenda de Lisboa”. “Por iso no século XXI as Universidades son institucións ao servizo de todos, ás que agora se lles esixe responsabilidade social e que continúen interaccionando con todos os axentes sociais e económicos do seu contorno”, afirmou.
No mesmo acto o reitor Barro, para quen a USC “leva anos apostando polo compromiso desa nova Universidade que demanda a sociedade”, sentenciou que ser unha Universidade emprendedora “non é unha opción senón unha obriga”. Nesta liña, o conselleiro loou a “brillante pegada” do labor de cooperación extraordinario entre as Universidades, os Consellos Sociais universitarios e o ámbito empresarial.
Campus VidaAproveitando a súa estancia, Gabilondo fixo un percorrido polo Campus Vida acompañado do reitor da USC, Senén Barro. Concretamente visitou o CIQUS (Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares), un dos centros que forman parte do proxecto que acadou o recoñecemento de Campus de Excelencia Internacional. Alí felicitou á USC polo seu proxecto “con contido, ben definido e ben orientado, centrado nunhas áreas concretas, que é como teñen que ser agora as Universidades, singulares e con sinais de identidade”. “É ademais subliñable -engadiu- o esforzo da Universidade de Santiago por incorporar, aglutinar e sumar forzas na busca dos mellores equipos de investigación”.
Pero non só felicitou á propia Universidade senón tamén á cidadanía galega en xeral xa que, en opinión do ministro, Campus Vida se converte así “nun dos pulmóns de Galicia en innovación e investigación”.
Deseguido a comitiva trasladouse ao Edificio Emprendia, sede do Programa Uniemprende para a promoción do espírito empresarial na USC onde lle agardaban, convidados por Senén Barro, os candidatos a reitor nas vindeiras eleccións de maio. Neste centro, recentemente inaugurado, o ministro coñeceu de primeira man a misión da Oficina de Transferencia de Tecnoloxía, a incubadora de spin-offs Uninova, as instalacións de Unirisco e Uninvest e as de Woman Emprende, programa dirixido á muller emprendedora.
ConferenciaA conferencia xurde en torno á necesidade de fortalecer a achega das universidades á innovación e á iniciativa empresarial responsables co fin de construír unha sociedade do coñecemento enmarcada nun novo modelo de crecemento económico sustentable. Con este propósito, no encontro examínanse as tendencias máis recentes en canto á valorización dos resultados de investigación, patentes universitarias e o camiño que leva a estratexia de innovación que combina a oferta tecnolóxica coa demanda do mercado.
Analizaranse as experiencias e modelos máis eficaces xa existentes, tanto na UE en xeral como nos ámbitos estatal e autonómicos, co propósito de profundar no papel dos parques científicos e tecnolóxicos das universidades, nos modelos para mellorar a cooperación coa empresa ou na xestión dos dereitos de propiedade intelectual por parte das universidades, entre outras cuestións.
Programa do lunsA primeira sesión da conferencia correu a cargo do secretario xeral de Universidades do Ministerio de Educación, Màrius Rubiralta, que explicou o programa español de ‘Campus de Excelencia Internacional’. Seguiralle a directora xeral da Comisión Europea de Educación e Cultura, Belén Bernardo de Quirós, cun relatorio sobre a relación entre Universidade e empresa. A achega das universidades á innovación é a cuestión a tratar polo director do programa de investigación ‘Políticas Públicas para a Calidade Académica’ da Universidade de Carolina do Norte en Chapel Hill, David D. Hill.
A sesión do luns remata cunha mesa redonda sobre a valorización dos resultados de investigación e financiamento na que participarán Luis Delgado, da Presidencia española; Chris Moody, asesor xefe de ISIS INNOVATION OXFORD; e José Luis Villaverde, director asociado do Centro de Innovación e Transferencia Tecnolóxica da USC.
Programa do martes 23A segunda e última xornada da Conferencia desenvolverase enteiramente no Centro de Estudos Avanzados da USC (Parque Vista Alegre, Rúa Salvadas s/n). Comezará ás 9:00 horas coa intervención do presidente da Asociación Internacional de Parques Científicos e Tecnolóxicos, Joan Bellavista, para continuar con dúas mesas redondas sobre responsabilidade emprendedora e políticas e instrumentos para o intercambio de coñecemento e unha derradeira de presentación de conclusións. A clausura terá lugar ás 14:00 horas