O ex ministro Ángel Gabilondo inaugurou en Santiago un congreso que analiza a edición de libros na era dixital

O ex ministro de Educación e catedrático de Metafísica da Universidade Autónoma de Madrid, Ángel Gabilondo Pujol, inaugurou este xoves o congreso Editando para minorías na era dixital que analiza ata o domingo en Santiago o panorama actual no mundo editorial. Na cita participan numerosos expertos do mundo do libro como escritores, editores, bibliotecarios, ilustradores, deseñadores gráficos e interesados no tema en xeral, que tomarán parte nas numerosas actividades programadas. Todas as actividades desenvólvense no Salón de Actos da Fundación Novacaixagalicia en Compostela. Trala charla inaugural o programa incluíu a conferencia da subdirectora xeral de Bibliotecas da Xunta de Galicia, Cristina Rubal González, titulada ‘O libro en Galicia, adaptación ás novas realidades’. O congreso continúa pola tarde coa celebración dun obradoiro, que comeza ás 16.00 horas, sobre encadernación da man de Mª Carmen Villalba Caramés, premio nacional de encadernación. A xornada remata coa mesa redonda ‘Sendo fieis a unha forma de editar’ na que participarán varios directores de editoriais de Barcelona, Valencia, Madrid e Galicia. Paralelamente ao congreso o Colexio de Fonseca acolle a exposición Imprimatur que se inaugura 20.30 horas e que recolle a historia do libro e a encadernación. O congreso pretende ser un punto de encontro no que se analice, dende diferentes perspectivas, as circunstancias actuais que inflúen na xestión editorial e a influencia das novas tecnoloxías e a aparición de novos soportes. Venres 4 de abril O programa do congreso continúa este venres, 4 de abril, coa celebración de novas conferencias dende as 10.00 horas. Nesta ocasión correrán a cargo dos editores Pep Carrió, Mario Muchnik e Francisco Porrúa. A partir das 16.00 horas, os participantes poderán escoller entre dous obradoiros para participar e realizar tarefas de encadernación ou ilustración. A xornada rematará cunha mesa redonda na que participarán o catedrático de Historia Antiga da USC, José Carlos Bermejo; o xuíz e escritor, José Antonio Vázquez Taín; o escritor e académico da Real Academia Galega, Luis Manuel García Mañá; e o libreiro e profesor do Máster en Edición da Universidade Autónoma de Madrid, Fernando Contreras. A cita está organizada por CampUSCulturae e cofinanciada pola axencia da cultura da UE.