A mobilidade sostible, novo eixo de colaboración institucional na USC

A Universidade de Santiago conta entre as súas cátedras institucionais cunha nova, de mobilidade sostible, que se presentou este martes nun acto en San Xerome no que participaron o reitor Antonio López e o presidente de Monbus, Raúl López, e no que tamén interveu a directora da Cátedra, a profesora Sara González García. Asistiu ademais a directora do CRETUS, María Teresa Moreira, así como investigadoras e investigadores predoutorais.
A Cátedra Institucional USC-MONBUS de mobilidade sostible traballará orientada á transformación dixital e sostible do transporte colectivo e ao impulso da mobilidade activa e saudable. Neste contexto, tanto a institución universitaria como a empresa consideran que os traballos de investigación e innovación para avanzar cara a unha mobilidade de emisión cero teñen que intensificarse, sendo especialmente relevante a interrelación entre os sectores das tecnoloxías enerxéticas, o transporte e a industria.
“Tendo en conta que o transporte é responsable de aproximadamente un 25% das emisións de gases de efecto invernadoiro”, a colaboración público-privada é “unha importante ferramenta para dispor dun espazo dedicado ao desenvolvemento de ideas que conduzan a unha mobilidade de persoas no transporte terrestre, tanto urbano como interurbano, de carácter sostible”, asegurou o reitor.
“Esta cátedra formúlase metas tanto formativas como de innovación tecnolóxica na busca de situar a nosa comunidade nun referente da economía circular no eido do transporte de persoas”, manifestou Antonio López.
No mesmo senso, para o presidente de Monbus “esta alianza representa un paso firme cara á creación dun ecosistema que nos permita avanzar cara a unha mobilidade máis responsable, eficiente e intelixente”. “Estamos convencidos de que a combinación de investigación universitaria e coñecemento do sector achegará propostas reais aos desafíos ambientais e tecnolóxicos do transporte”, dixo.
“A mobilidade do futuro será máis sostible, máis dixital e máis eficiente. Esta Cátedra representa o noso compromiso con ese futuro e co papel transformador que debe desempeñar o transporte colectivo nas nosas cidades e territorios”, sinalaron desde a dirección de Monbus.
Como sinalou a directora da Cátedra, a profesora Sara González García, o obxectivo será definir “unha plataforma clave para promover a I+D+i en favor dunha xestión máis intelixente e sustentable da mobilidade”. A evolución cara un modelo de transporte máis sustentable “non so é unha necesidade ambiental, senón tamén unha oportunidade para crear cidades máis habitables, mellorar a calidade de vida das persoas e avanzar cara un desenvolvemento económico equilibrado” engadiu.
Tres liñas de traballo principais
As principais liñas de investigación nas que se centrará a cátedra son a descarbonización no sector do transporte, con especial fincapé na innovación nos combustibles “zero-carbon”, desprazamentos activos e mobilidade sostible (transformación dixital e sostible do transporte colectivo e impulso da mobilidade saudable) e a promoción da vida activa, especialmente no contexto escolar.
Ademais, procurarase que a mobilidade sostible e a vida activa se vinculen cada vez máis estreitamente coa formación das promocións de grao e mestrado da USC nas disciplinas relacionadas co obxecto da cátedra e fomentarase a colaboración entre a USC e o sector profesional no ámbito dos transportes, das tecnoloxías enerxéticas e da industria.
