Ir o contido principal

Mobilidade, transferencia, cultura e deporte, eixos do protocolo xeral de actuación entre a USC e o Concello de Ames

Ambas as dúas institucións traballarán de forma conxunta nos vindeiros catro anos. FOTO: Santi Alvite
Ambas as dúas institucións traballarán de forma conxunta nos vindeiros catro anos. FOTO: Santi Alvite
Ambas as dúas institucións comprométense a colaborar durante catro anos na promoción económica e no desenvolvemento local
Santiago de Compostela

A USC traballa na definición dun marco estable de relación con todos aqueles concellos da súa contorna máis inmediata así como naqueles outros con importancia para a súa comunidade. Deste xeito, preténdese definir un marco xeral que permita regular a colaboración en ámbitos diversos dun xeito áxil. Este é o caso do Concello de Ames, no que vive unha parte significativa da comunidade universitaria e xunto ao cal, a USC acaba de trazar un protocolo xeral de actuación estruturado en tres eixos relativos á mobilidade; a transferencia, emprendemento, promoción económica e desenvolvemento local; así como a colaboración en actividades culturais e deportivas.

O documento asinado este xoves no Colexio San Xerome polo reitor Antonio López e o alcalde José Manuel Miñones, susténtase na consolidación das políticas de apoio á sociedade do coñecemento desenvolvidas por este concello galego e dos que a Universidade é unha parte fundamental. A USC mantén convenios con Ames en materia docente, en particular no relativo ás prácticas en empresas incluídas nos plans de estudos, alén de que distintos grupos de investigación teñan desenvolvido tarefas de asesoramento en materias de interese para o Concello cualificado polo Ministerio como 'Cidade da Ciencia e a Innovación'.

Ambas as dúas institucións traballarán de forma conxunta nos vindeiros catro anos na definición promoción e impulso de medidas que favorezan o uso do transporte público para a conexión do Concello de Ames co campus da USC en Santiago de Compostela. Asemade, ambas as dúas institucións comprométense a adoptar as medidas necesarias para adoptar sistemas de mobilidade urbana sustentables.

O emprendemento e a promoción económica son tamén dous eidos chaves no marco deste acordo. Así, Concello e USC comprométense a colaborar no impulso e difusión de iniciativas nestes ámbitos. Ademais, o Concello de Ames pon á disposición da Universidade, as instalacións municipais de cara a unha mellor oferta da formación impartida pola USC. A institución compostelá colaborará, pola súa parte, no emprendemento do novo espazo colaborativo de base empresarial que o Concello de Ames poñerá en marcha no Milladoiro este mesmo ano.

Uso de instalacións

Finalmente, o acordo contempla o estudo de fórmulas para permitir o uso das instalacións culturais e deportivas das que dispón a USC para que podan usarse no desenvolvemento de actividades promovidas ou apoiadas polo Concello de Ames.

O documento foi asinado este xoves no Colexio San Xerome polo reitor Antonio López e o alcalde José Manuel Miñones. FOTO: Santi Alvite
O documento foi asinado este xoves no Colexio San Xerome polo reitor Antonio López e o alcalde José Manuel Miñones. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.06.2020.