‘Mobilízate contra a COVID-19!’, unha campaña de recollida de material hixiénico para persoas en risco de exclusión
![O Programa de Voluntariado fronte á COVID-19 naceu para favorecer a maior e continuada sensibilización da comunidade universitaria. FOTO: Santi Alvite O Programa de Voluntariado fronte á COVID-19 naceu para favorecer a maior e continuada sensibilización da comunidade universitaria. FOTO: Santi Alvite](/sites/default/files/styles/content_inner_main_image/public/image/2021-03/gel-guantes-mascarillas.jpg?h=0b231ac9&itok=N_JUd1UD)
No marco do Programa de Voluntariado fronte á COVID-19, unha proposta para promover medidas e actuacións que favorezan a sensibilización de cara ao cumprimento dos protocolos fronte á pandemia, a USC acaba de dar un novo paso ao impulsar unha campaña de recollida de material hixiénico dirixida a persoas en risco de exclusión social. A petición do albergue Juan XXIII de Santiago de Compostela, ao que xa se lle fixera entrega a finais do ano pasado de preto de 200 bolsas con máscaras faciais e xel sanitizante, o Servizo de Participación e Integración Universitaria (SEPIU) lanza un novo chamamento á comunidade universitaria, no seu conxunto, para doar este tipo de material.
Deste xeito, e ata o vindeiro 26 de marzo, as persoas que o desexen poden facer entrega nas conserxerías de todas as Facultades, Escolas, Residencias Universitarias, así como na Reitoría e na Casa da Balconada, de kits hixiénicos integrados por unha bolsa con peche tipo zip, tres máscaras e un pequeno bote de xel sanitizante. “A campaña de recollida do ano pasado foi unha experiencia piloto e o éxito do proxecto deu lugar a unha nova solicitude de colaboración por parte do Albergue Juan XXIII, que nos pediu poder trasladala a toda a comunidade universitaria e darlle así maior impacto e obter un maior elevado número de kits, para continuar o seu reparto entre os beneficiarios dos seus servizos e proxectos”, explican dende o SEPIU.
Iniciativa pioneira
O Programa de Voluntariado fronte á COVID-19 naceu para favorecer a maior e continuada sensibilización da comunidade universitaria e promover o cumprimento de medidas de hixiene e comportamentos sociais axeitados contra a pandemia. “Trátase de promover a participación do alumnado de todas as facultades e escolas, así como das residencias e colexios maiores, nun proxecto integral que implique unha máis intensa formación e sensibilización”, apuntan dende o SEPIU. Baixo o lema, ‘Mobilízate contra a COVID-19!’, o alumnado voluntario tomará parte na difusión desta campaña de entrega de kits hixiénicos, a cal conforma un paso máis na intención da USC de velar polo adecuado cumprimento das medidas para paliar os efectos da pandemia.
![Cartel da campaña Cartel da campaña](http://assets.usc.gal/sites/default/files/styles/content_inner_image/public/paragraphs/imaxe/2021-03/mobilizate-conta-a-covid-19-1.jpg?itok=-D8tSC15)