Ir o contido principal

A mocidade galega achega ideas para revitalizar o rural no Terra Creative Jam

Participantes no Terra Creative Jam celebrado na residencia universitaria Bal y Gay de Lugo
Participantes no Terra Creative Jam celebrado na residencia universitaria Bal y Gay de Lugo
O evento promovido por Campus Terra xunto con Lug Open Factory congregou durante a fin de semana a 65 participantes de toda Galicia na Residencia Jesús Bal y Gay, onde participaron en diferentes obradoiros, ao tempo que resolveron desafíos sociais, ambientais e tecnolóxicos e propuxeron iniciativas
Lugo

O Terra Creative Jam, un evento creativo e de innovación para a xeración de ideas  impulsado polo Campus Terra, a través da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, e a incubadora Lug Open Factory, converteu a residencia universitaria Jesús Bal y Gay nun laboratorio de ideas no marco do que 65 rapaces e rapazas chegados de toda Galicia participaron en diferentes obradoiros, ao tempo que resolveron desafíos sociais, ambientais e tecnolóxicos e propuxeron iniciativas orientadas a revitalizar o medio rural.

O adxunto á Vicerreitoría de Organización Académica e Campus de Lugo, Antonio Álvarez, e o decano da Facultade de Administración e Dirección de Empresas, Roberto Bande Ramudo, foron os encargados de dar a benvida a mocidade emprendedora reunida na sede universitaria lucense. Daquela, o Campus Terra converteuse durante dous días nunha sorte de campo de traballo no que os participantes tiveron a ocasión de traballar de xeito lúdico e en equipos interdisciplinares cuestións e desafíos relacionados coa economía verde, produción eficiente e sostible; educación inclusiva e de igualdade; emprendemento dixital e uso das TIC´S no rural; industrias creativas e sector audiovisual; alimentación e vida saudable e a búsqueda do benestar animal e mellora dos ecosistemas.

Os participantes gozaron dunha primeira xornada de ideación, con xogos de creación de ideas e proxectos sostibles, formación con workshops específicos, prototipaxe con maquinas 3D, gamificación, drons, realidade virtual e actividades deportivas con caiac no río e escalada no rocódromo. A segunda xornada consistiu nun Hackaton, no que os diferentes equipos maduraron as súas respectivas ideas e elaboraron propostas que logo presentaron en público e diante do xurado.

Os dous mellores prototipos de proxecto presentados no Terra Creative Jam acadaron  praza para asistir á Residencia formativa LOF TALENT e tamén recibiron o convite para estar presentes na próxima edición do programa de emprendemento EXPLORER USC,qu que mantén aberto o prazo de inscrición ata mediados de novembro. Ademais, cada un dos membros do equipo gañador, recibirán premios como cámaras tipo GoPro, impresoras 3D-mini e tablets, entre outros agasallos tecnolóxicos, cos que tamén se premiou o traballo desenvolvido polos integrantes do terceiro equipo mellor valorado do certame.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.10.2022.