Ir o contido principal

A mocidade investigadora agroma da man de XuvenCiencia

Participantes nun dos obradoiros de XuvenCiencia
Participantes nun dos obradoiros de XuvenCiencia
O Campus de Verán XuvenCiencia bota o pano este venres cunha xornada repleta visitas, entregas de premios e a xa tradicional XuvenFesta, logo dunha semana na que preto de 100 estudantes foron “protagonistas activos” en 13 obradoiros científicos
Lugo

O Campus de Verán XuvenCiencia bota este venres o pano logo dunha semana repleta de actividades lúdicas e obradoiros que converteron en “protagonistas activos da actividade investigadora” os preto de 100 estudantes de ESO, BAC e Formación Profesional participantes na décima edición do programa de achegamento e divulgación da ciencia que se desenvolve no Campus de Lugo promovido polo grupo de innovación docente XuvenCiencia da USC, que coordina Mercedes Novo.

O obxectivo do Campus de Verán XuvenCiencia é ofrecer á mocidade a posibilidade de mergullarse nalgunhas das liñas de investigación máis punteiras que están a desenvolver na actualidade na sede universitaria luguesa, sinala Novo, quen agarda que as visitas a empresas e centros tecnolóxicos, así como a entrega de premios e as demais actividades lúdicas programadas este venres na tradicional da XuvenFesta, que se desenvolverá a partir das 18.30 horas, na Valgada do Campus, permitan espertar novas vocacións investigadoras entre o estudantado máis novo.

O X Campus de Verán XuvenCiencia, lembra Novo, ofrece aos participantes a posibilidade de tomar parte en 16 proxectos científico-tecnolóxicos, biosanitarios, de ciencias sociais e de humanidades, un abano de alternativas nas que poderán participar entre cinco e seis persoas por proxecto. A maioría destas propostas están inspiradas ou cando menos relacionadas con algunhas das investigacións máis punteiras que se desenvolven no Campus de Lugo, como as de peixe cebra para o tratamento do cancro e doenzas raras ou a procura de novas fontes de enerxía mediante fotosíntese artificial. Os obradoiros e proxectos desenvolvéronse nas propias instalacións universitarias, aínda que algunha das actividades tamén permitiron trasladar esta incipiente actividade científica ás dependencias do Museo Provincial de Lugo e do Arquivo Histórico Provincial de Lugo.

Daquela, as 95 persoas inscritas na décima edición do Campus de Verán XuvenCiencia puideron completar visitas a empresas e centros científicos e tecnolóxicos, tales como Larsa, Finsa, Norvento, Xenética Fontao o CIAR de Rozas, o edificio bioclimático do proxecto Life Lugo + Biodinámico, o Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula) e o Hospital Veterinario Rof Codina.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.07.2022.