A modelización da mobilidade para a xestión e a planificación de infraestruturas do transporte, a debate na Escola Politécnica

As novidades na modelización da mobilidade, unha ferramenta que se está a converter en imprescindible para a toma de decisións en planificación e xestión de infraestruturas do transporte, centrou a temática do seminario guiado na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC polo Regional Business Development Manager da empresa TSS-Transport Simulation Systems, o enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos Josep María Aymamí.
A empresa TTS é unha spinoff da Universidad Politécnica de Cataluña (UPC) que nace no LIOS (Simulation and Operations Research Laboratory) que desenvolveu o software Aimsun (Advanced Interactive Microscopic Simulator for Urban and Non-urban Networks), un programa de modelización e simulación que permite analizar a mobilidade dos usuarios dun sistema de transporte, considerando múltiples factores: condicións de tránsito, decisións individuais de condutores e peóns, xeometría do problema, etc. Na súa intervención, Aymamí presentou na EPS esta nova ferramenta de modelización, un novo software que a partir deste curso académico poderán empregar con finalidades académicas e de investigación, grazas a que a firma TTS pon a disposición do centro universitario licencias educacionais de Aimsun para a realización de traballos académicos e traballos de investigación. Unha das principais vantaxes do software Aimsun é que integra os dous modelos (macro e micro), permitindo realizar simulacións mesoscópicas, en función do nivel de detalle que se precise para cada zona de estudo. Desta maneira, pode estudarse con modelos macroscópicos a rede de transportes completa dunha cidade ou rexión, pero incorporar un modelo microscópico na zona na que se quere actuar, de maneira que se pode tomar unha decisión fundada sobre a actuación proxectada e se obteñen resultados tanto das melloras que se poden obter nesa área coma na influencia que terá sobre o conxunto do transporte. Outros modelos Os primeiros modelos que se empregaban con esta finalidade tiñan un enfoque macro, asimilando o tránsito a sistemas de fluxo macroscópicos, da mesma maneira que as redes hidráulicas, simulando o sistema de transporte como unha rede na que unicamente se podían tomar decisións sobre o fluxo do conxunto de vehículos en cada tramo. O sistema pode dicirse que é estático e que os datos de partida son matrices de orixe-destino, que indican cántos vehículos circulan, de onde veñen e a onde se dirixen. As melloras computacionais fixeron posible transitar a modelos de tráfico de microsimulación nos que cada vehículo se comporta no fluxo de maneira independente e toma a decisión de moverse pola rede simulada seguindo uns patróns de comportamento definidos no programa. As redes poden ter todos os elementos característicos dunha rede de estradas: interseccións, enlaces, semáforos, sinalización vertical e horizontal, etc. Pola súa banda, os vehículos efectúan cambios de carril, de modo que adaptan a súa velocidade á situación do tráfico en cada momento. Desta maneira a análise do estado da circulación pode facerse a nivel de sección transversal da infraestrutura, obtendo información sobre o comportamento individual dos vehículos (velocidade, paradas, aceleracións e deceleracións, tempos de recorrido) e a partir deles os parámetros fundamentais no estudo da circulación: intensidade, velocidades medias, densidade, niveis de servizo, etc. Experiencias reais Durante a charla, organizada por profesores da Área de Enxeñaría e Infraestrutura dos Transportes do Grupo de Innovación Docente en Enxeñaría Civil (GIDEC), Aymamí abordou casos reais de aplicación destes sistemas a nivel internacional, posto que cidades como Montreal, NYC, París, Tokyo, Melbourne xa incorporan estas ferramentas na planificación de infraestruturas, e tamén nacional: como Vitoria, Zaragoza ou Barcelona. Nestas cidades modelizouse toda a rede de transporte metropolitano para axudar á toma de decisións para solucionar problemas puntuais de atascos, reordenación da rede, semaforización, ou a modelización das liñas de autobuses ou outros sistemas de transporte públicos. Outra das principais funcionalidades destes modelos é que permiten incorporar accidentes o outro tipo de incidentes na circulación co que se poden estudar os plans de emerxencia que se deberían adoptar. Tamén se poden estudar sistemas anticolisión ou a incorporación no modelo de vehículos autónomos, sendo a simulación do seu comportamento un tema que ten moito interese na actualidade. A incorporación aos modelos non só dos vehículos, de diferentes tamaños e características, senón tamén dos peóns, serve de axuda para a organización de grandes eventos, xa que permite a planificación das rutas de acceso e saída cando se prevé una gran aglomeración de xente, asistencia a eventos deportivos, espectáculos musicais, etc Estes sistemas de simulación da evolución do tráfico permiten acelerar a toma de decisións na planificación das redes de transporte, na construción de novas infraestruturas e na xestión e explotación dos sistemas de transporte, cos obxectivos fundamentais de garantir a seguridade dos usuarios, reducir os tempos de recorrido e reducir as emisións de gases e o consumo de hidrocarburos atraveso dunha condución máis eficiente a velocidades máis uniformes.