Ir o contido principal

Un novo modelo predice o risco por arsénico en augas subterráneas de China

Probabilidade de contaminación de augas subterráneas por arsénico (concentración superior a 10 µg/L) en China. A área total de risco é de arredor de 580,000 km2 (14 veces o tamaño de Suíza)....
Probabilidade de contaminación de augas subterráneas por arsénico (concentración superior a 10 µg/L) en China. A área total de risco é de arredor de 580,000 km2 (14 veces o tamaño de Suíza)....
No seu deseño participou o investigador da Universidad de Santiago, Luís Rodríguez-Lado

O uso de augas subterráneas contaminadas con arsénico para cociñar e beber podería supoñer un risco para a saúde de case 20 millóns de persoas en China. Así o demostra un estudio levado a cabo por científicos da Universidade de Santiago de Compostela e o Eawag (Suíza), en colaboración con investigadores da Universidade Médica de China en Shenyang, que acaba de ser publicado na prestixiosa revista Science e que ten como primeiro asinante a Luís Rodríguez-Lado. As estimacións baséanse nun modelo de risco que relaciona concentracións de arsénico en auga de pozos con datos xeolóxicos e hidrolóxicos. O estudo, que identifica áreas de alto risco previamente descoñecidas, será utilizado polas autoridades chinas no programa nacional de control das augas subterráneas. Dende a década de 1960 se sabe que as augas subterráneas en certas provincias de China están contaminadas con arsénico. Dende entón, a estimación do número de persoas afectadas aumentou ano tras ano. Na enquisa máis recente, realizada polo Ministerio de Saúde de China entre 2001 e 2005, más de 20.000 (5%) dos 445.000 pozos analizados mostraron concentracións de arsénico superiores a 50 µg / L. Segundo estimacións oficiais, case 6 millóns de persoas utilizan auga para beber e preparar alimentos cun contido de arsénico que supera dito valor, e case 15 millóns están expostas a concentracións superiores a 10 µg / L (valor guía recomendado pola OMS). Dado o tamaño do país, probablemente se necesitarían varias décadas para analizar os millóns de pozos de auga subterránea que hai en China. Por isto, un grupo de investigadores de Eawag, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade Médica de China en Shenyang desenvolveron un modelo de risco estatístico utilizando datos de xeoloxía, características do solo, hidroloxía e clima, para predicir altas concentracións de arsénico na auga. O modelo foi calibrado utilizando medidas reais de arsénico en pozos e mostrou un alto nivel de axuste, tanto na predición das áreas de alto risco xa coñecidas como na doutras para as que non se dispoñían de datos previos. Os resultados permitiron identificar grandes áreas, tales como as concas do Tarim (Xinjiang), Ejina (Mongolia Interior) e Heihe (Gansu), ou da chaira norte de China (Henan e Shandong), como zonas de alto risco potencial. A área total que podería presentar concentracións de arsénico superiores aos 10 µg / L estimouse nuns 580.000 km 2. Combinando estes resultados cos últimos datos de densidade de poboación, encontrouse que case 20 millóns de persoas en China viven en zonas de alto risco de contaminación por arsénico. Luís Rodríguez-Lado, investigador do grupo Ciencia do Sistema Terra da USC, subliña que "esta cifra podería ser unha sobreestimación, xa que carecemos de datos fiables sobre o número de persoas con subministro de auga tratada, pero a longo prazo China seguirá dependendo das augas subterráneas como fonte de auga potable, sobre todo nas provincias áridas”. O modelo de risco mostra onde se deberían focalizar os esforzos de control de calidade de augas subterráneas: "este método permite deseñar campañas de muestreo máis específicas e aforrar tempo e diñeiro. As autoridades chinas utilizarán os nosos mapas no programa nacional de vixilancia". Rodríguez-Lado considera que o modelo tamén podería utilizarse noutras zonas nas que se sabe ou se sospeita que as augas subterráneas poden estar contaminadas con arsénico, por exemplo, en África ou Asia Central, onde aínda non se levaron a cabo avaliacións de risco de contaminación por arsénico. Arsénico O arsénico é un dos metaloides máis frecuentes en augas de consumo humano a nivel mundial. Este elemento traza aparece como un compoñente natural en sedimentos, a partir dos cales, por medio de mecanismos de disolución e desorción, pode ser liberado en pequenas cantidades ás augas subterráneas. As sales inorgánicas de arsénico son inodoras e insípidas pero altamente tóxicas para os humanos. A exposición durante longos períodos, incluso a pequenas concentracións de arsénico, pode ocasionar trastornos graves que inclúen hiperpigmentación e hiperqueratose cutánea, desordes hepáticos e renais e varios tipos de cancro. A detección de zonas de alto risco presentan dificultades relacionadas con, en primeiro lugar, a alta variabilidade espacial das concentracións de arsénico, e segundo, a falta de coñecemento pola poboación do risco existente, xa que en moitos casos non se dispón de análises de arsénico en auga de pozos. Concentracións inferiores a 10 µg/L considéranse seguras para a saúde humana. Este nivel foi recomendado pola Organización Mundial da Saúde como valor guía en augas para consumo humano. En China, o valor guía estándar foi recentemente modificado dende 50 µg/L a 10 µg/L, non obstante estudos levados a cabo en China (por exemplo en áreas de Mongolia Interior) atoparon concentracións de ata 1500 µg/L.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.08.2013.