Os modelos matemáticos aplícanse en cuestións tan distintas como a transmisión de doenzas ou as dinámicas demográficas
Comezou este martes o Congreso Internacional ‘Modelos Matemáticos en Enxeñaría, Bioloxía e Medicina. Problemas de fronteira’ cun acto presidido polo director do Instituto de Matemáticas da USC Juan J. Nieto. A continuación, o prestixioso profesor da Universidade Católica belga de Louvain, Jean Mawhin, impartiu a conferencia inaugural sobre as aplicacións da modelización matemática.
Mawhin diferenciou os modelos continuos dos discretos, indicando que ambos serven para profundar en cuestións tan distintas como son a transmisión de doenzas ou as dinámicas demográficas. Tamén falou sobre as súas vantaxes e inconvenientes, ademais de tratar os actuais problemas deontolóxicos. Este profesor, líder mundial no eido das ecuacións diferenciais ordinarias, ten varios Doutorados honoris causa e recibiu a Medalla Bolzano da Academia de Ciencias da República Checa.
Á apertura, celebrada na Facultade de Matemáticas, tamén asistiron os coñecidos expertos Ravi P. Agarwal, do Instituto Tecnolóxico estadounidense de Florida; Pavel Drábek, da Universidade checa Bohemia do Oeste; e Jaume Llibre, da Autónoma de Barcelona. Así mesmo, participaron os membros da organización do encontro, os docentes Alberto Cabada e Eduardo Liz.
Con máis de 150 investigadores procedentes duns trinta países dos cinco continentes, o congreso continúa ata o venres 19 con dúas sesións que transcorrerán de xeito paralelo na Aula Magna e no Salón de Graos da Facultade.
Conferencias plenariasTodas as xornadas abrirán ás 9:00 horas coas conferencias plenarias dos máis destacados participantes. Deste xeito, Pavel Drábek pronunciará o primeiro relatorio do mércores 17 titulado ‘Modelo cuasilineal para transicións de fase nunha dimensión espacial’.
A sesión do xoves 18 iníciase coa intervención dun dos cinco científicos máis citados no eido das matemáticas, o profesor estadounidense Ravi P. Agarwal. Este investigador é o segundo na materia con máis publicacións internacionais, só por detrás do irlandés Donal O’Regan, membro do comité deste congreso. Finalmente, a última xornada dará comezo coa conferencia de Jaume Llibre.