Ir o contido principal

O Monbus Obradoiro ofrece descontos á comunidade universitaria no arranque da tempada

Promoción especial do Monbus Obradoiro para a comunidade da USC.
Promoción especial do Monbus Obradoiro para a comunidade da USC.
Esta promoción forma parte da liña de colaboración aberta entre o club compostelán e a USC no curso 2022-2023

O vindeiro xoves 29 ás 19.00 horas, o Monbus Obradoiro inaugura curso no Sar nun partido contra Casademont-Zaragoza. Nesta ocasión, as persoas que integran a comunidade universitaria USC, tanto o alumnado, como persoal docente e investigador e o de administración e servizos, poderán gozar dunha promoción especial e adquirir a entrada a un prezo de 5 euros en calquera sector do pavillón.

Para poder facerse co desconto, as persoas interesadas deberán acceder á web oficial do equipo, identificarse coa súa conta de persoa usuaria -ou xerar unha, en caso de non tela-. No apartado 'Entradas', seleccionar ese primeiro partido e o lugar do pavillón no que desexan reservar a súa cadeira e asegurarse de que a tarifa seleccionada é a de persoas adultas. Despois, terán que engadir o código promocional O*pres*2223*J1T e premer o botón ‘Validar’. O prezo mudará automaticamente e xa poderán ler e aceptar as condicións de compra para finalizar a xestión e proceder ao pagamento. Cada persoa poderá adquirir un máximo de 2 entradas a este prezo e a promoción estará activa ata esgotar as localidades dispoñibles para a venta.

Unha alianza estratéxica para estimular o deporte na USC

A medida forma parte da liña de colaboración aberta entre o club compostelán e a Universidade para o desenvolvemento de accións e actividades no curso 2023 e intégrase na estratexia xeral coa que a Área Deportiva da USC procura fortalecer as redes cos clubs galegos e estimular o interese polo deporte e pola súa práctica entre as persoas que integran a comunidade universitaria.

A proposta presentouse este martes nunha rolda de prensa conxunta na Biblioteca América da USC, que contou coas intervencións do delegado do reitor para o Deporte, Javier Rico, o director xeral do Monbus Obradoiro, José Luis Mateo, e o adestrador do primeiro equipo, Moncho Fernández.

De esquerda a dereita, José Luis Mateo, Javier Rico e Moncho Fernández. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, José Luis Mateo, Javier Rico e Moncho Fernández. FOTO: Santi Alvite

Javier Rico puxo en valor o establecemento desta nova rede de alianzas da USC con máis de 70 clubs e entidades deportivas nas cidades de Lugo e Santiago co obxectivo de “impulsar, facilitar e promover a práctica deportiva na comunidade universitaria de forma conxunta coa sociedade”. O delegado do reitor para o Deporte destacou tamén que o Monbus Obradoiro conta con 14 estudantes nas súas filas, o que dá conta da fortaleza desa unión que, apuntou, “esperamos poida continuar durante moito tempo”.

Pola súa parte, o director xeral do Monbus Obradoiro, José Luis Mateo, remarcou o éxito do evento de presentación oficial do equipo no Campus Sur, celebrado a semana pasada, como parte desta liña de colaboración coa que o club busca, por unha banda, cumprir “coa tarefa pendente de chegar á xente nova e ao público universitario” e, pola outra “favorecer que os xogadores cheguen á elite formados, e insistir no valor da formación universitaria tanto para quen forma parte desa elite como para xogadores de todas as categorías, profesionais ou non”.

Canda a promoción especial deste partido inaugural, o director xeral do Monbus Obradoiro adiantou outros descontos específicos para a comunidade universitaria. Durante todo o ano, as persoas que integran a USC terán una rebaixa do 10% nas entradas de cada partido en un desconto adicional do 5% nos abonos da tempada.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.09.2022.