As montaxes do fotógrafo Augusto Pacheco para o Día dos Santos Inocentes, nova mostra no Colexio de Fonseca

O Salón Artesoado do Colexio de Fonseca exhibe este mes de setembro a exposición 'Mentindo con mestría. Montaxes fotográficas de Augusto Pacheco (1948-1973)', que recolle a obra do fotógrafo ourensán que viu a luz, ao longo dun cuarto de século, cada 28 de decembro, festa dos Santos Inocentes, no xornal La Región.
Para esa data, Augusto Pacheco construía unha estrutura composta por un texto, de natureza xornalística, e unha fotografía, de feitío máis ou menos fantástico, que resumía acontecementos, locais ou universais, do ano que se ía. Segundo afirmaba Pacheco, a idea, na súa orixe, baseábase na creación de relatos imaxinarios que, ao vir acompañados de imaxes fotográficas adquirirían a posibilidade de ser interpretados como eventos ou situacións posibles, reais.
A mostra inaugurouse este venres nun acto no que participou a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, que agradeceu a cesión dos fondos ao Museo Etnolóxico de Ribadavia e ao colectivo Miranda por poñelo en valor, e os comisarios da montaxe, Vítor Vaquero e Manuel Pérez Rúa. Para Vaquero, as imaxes e novas imaxinadas serían “unha crónica da Guerra Fría e dos medos que había na “época”, medos que hoxe, moitas décadas despois, “volven reproducirse e amedrentarnos á vista do panorama internacional actual”, subraiou pola súa banda a vicerreitora.
De desfeitas naturais ata mostros
Augusto Pacheco xerou un amplo catálogo de propostas visuais que, empregando a técnica da fotomontaxe, mostraban accidentes inventados ou desfeitas naturais inexistentes, feitos que, non obstante, ficaban dentro da categoría de sucesos posibles. Ao pé deste grupo de ocorrencias, aparecían outras, pertencentes ao territorio marabilloso, mítico ou onírico, que representaban desde seres extraterrestres que desfilaban polas rúas de Ourense ou ían parar sobre torres sineiras, ata monstros con aparencia de dinosauros que destruían, asañados, construcións históricas da capital das Burgas ou foguetes espaciais dirixidos á Lúa. Todo o conxunto de fotomontaxes producidas fornecía a estratexia que Augusto Pacheco consideraba estar ao servizo da brincadeira, da 'inocentada', como correspondía á data da súa publicación no xornal ourensán.
“Alén das intencións do seu autor, estas imaxes, como calquera outra obra produto da mente humana, son quen de falar por si mesmas e exercer unha certa autonomía e desta forma as materias presentes connotan unha atmosfera inquietante, mediante a posta en situación de elementos simbólicos capaces de fornecer outras posibles interpretacións: o horror nuclear, representado por un monstro que semella da estirpe de Godzilla (Ishiro Honda, Godzilla, 1954), a ameaza de guerra, mostrada a través de foguetes que lembran a crise dos mísiles de Cuba de 1962, a preocupante visita de seres procedentes de espazos exteriores —a medoña perspectiva dos OVNIs— con propósitos descoñecidos e, por regra, funestos (Byron Haskin, The War of the Worlds, 1953)”, relatan dende a organización.
A mostra estará aberta ata o 30 de setembro, en horario de luns a sábado, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas.
