Ir o contido principal

Os montes veciñais e a titularidade comunitaria no contexto europeo, a estudo na Escola Politécnica Superior

A profesora da USC Ana Isabel García Arias inaugura o foro, ás 9.30 horas, no salón de actos da EPS

O grupo de investigación Economía Agroalimentaria e Medioambiental, Desenvolvemento Rural e Economía Social (Ecoagrasoc) da USC e a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, celebran este xoves, a partir das 9.30 horas, no salón de actos da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, a xornada ‘Montes veciñais, a titularidade comunitaria no contexto europeo’.

A subdirectora da EPS, Ana Isabel García Arias, guiará a sesión de benvida aos participantes neste foro, dirixido a comuneiros pero aberto á participación de todo o público interesado na figura dos Montes Veciñais en Man Común como estrutura organizativa singular de Galicia e tamén do Norte de Portugal. Logo dunhas breves intervencións introdutorias, que correrán a cargo de técnicos ou científicos especializados, durante a xornada desenvolveranse dúas liñas de debate nas que se analizará a realidade dos montes veciñais desde a perspectiva da titularidade comunitaria e tamén respecto dos proxectos europeos orientados á posta en valor do medio rural. A xornada, que conta co financiamento do proxecto ‘O monte comunal en Galicia desde a Idade Media á actualidade: de soporte dun vello complexo agrario a recurso medioambiental e patrimonio paisaxístico’, financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade, contará entre os relatores co presidente daOrganización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, Alfredo Pereira.

O enxeñeiro de Montes da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia Xabier Bruña; o xefe de servizo de Montes da provincia de Lugo, Ramón Rozadilla; Susana López González, letrada do gabinete Calixto Escariz Abogados, e o enxeñeiro de Montes e técnico colaborador da USC Marco Rubinos son algúns dos relatores que intervirán neste foro, que se desenvolverá en quenda de mañá.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.11.2015.