Ir o contido principal

Unha mostra amosa en Fonseca cincuenta ‘miradas’ de persoeiros famosos sobre o mar galego

‘Un mar... 50 miradas’ é o nome da exposición, que organizada por campUSCulturae, inaugurada este venres no claustro de Fonseca polo reitor Juan Casares, e coa asistencia de Irene García de campUSCulturae, a comisaria da mostra Nita Ferreiro e Carlos Alonso, autor das fotografías. A exposición componse dunha serie de cincuenta imaxes do mar acompañadas das impresións escritas que a paisaxe galega causou en diferentes dende poetas a humanistas, escritores, ou científicos, entre outros persoeiros coñecidos. Os traballos de Carlos Alonso que se presentan nesta exposición teñen como eixo temático o mar. Nas imaxes aparecen diferentes lugares da costa galega, dende a Mariña Lucense ata as Rías Baixas coa diversidade que caracteriza á súa paisaxe con acantilados, longas praias ou as augas pouco profundas das rías. As fotografías amosan tamén o contraste das mareas e diferentes momentos do día con predominio do xogo de luces e sombras, sobre todo amenceres e solpores, nos que a figura humana queda empequenecida. Os textos que acompañan as imaxes amosan as impresións persoais de diversas personaxes ao coñecer a paisaxe galega. Dende Hemingway contándolle a John Dos Passos que Galicia é o lugar máis fermoso do mundo, ata a descrición que fai Julio Verne en ‘20.000 leguas de viaxe submarina’ da ría de Vigo, pasando polas poesías dedicadas ao mar de Rafael Alberti e Lorca ou textos dos escritores Pérez Reverte e Ernesto Sábato ao carón das reflexións de Manu Chao, son algunhas das miradas que nos propón esta exposición que se poderá visitar ata o 30 de agosto no Claustro de Fonseca.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.05.2014.