A mostra 'Carácteres herdados de Confucio' inaugurarase o luns na Igrexa da Universidade
A tradición milenaria chinesa, a través de pintura abstracta de carácteres chinos, vai ocupar ata finais deste mes os espazos da Igrexa da Universidade onde se vai instalar a mostra ‘Carácteres herdados de Confucio’, do artista chinés Liu Daxuan. Esta exposición inaugúrase o vindeiro luns 12 á 14:00 horas nun acto que vai presidir o reitor compostelán Senén Barro.
Integrada por 25 obras, ‘Carácteres herdados de Confucio’ enmárcase nos actos do 3º Foro de reitores hispano-chinos que simultaneamente se celebra estes días na USC. Con esta iniciativa ponse de relevo a filosofía china pola que o ser humano forma parte da natureza, debendo coexistir en sublime harmonía. Segundo esta mesma lóxica, desa orde e desa lei non poden fuxir nin o universo orgánico nin a sociedade humana e os seus avatares.
Segundo os responsables desta produción, Liu Daxuan mestura a paixón do poeta, a sutileza do artista e a visión do filósofo ofrecendo como resultado unha obra “na que se pode presenciar o cósmico, o natural e o humano microfilmado nos cadros, dos que emana unha lírica visual, un misterio intanxible”.
Liu DaxuanLiu Daxuan (Chongqing, 1939) recibiu formación en pintura tradicional china e occidental, primeiro na Escola Secundaria adscrita ao Instituto de Belas Artes de Sichuan e, posteriormente, no mesmo Instituto. Ata 1999 traballou na Televisión Nacional de China (CCTV), ocupando cargos importantes como coreógrafo e editor artista sénior. Ata en oito ocasións foi escenógrafo da Gala da Festa de Primavera, a máis importante e de máis audiencia televisiva no seu país.
Foi membro e instrutor, respectivamente, dos xurados académicos da CCTV e dos Premios de Artes Cinematográficas de Feitian e Jinying. Ademais, foi académico de Artes Televisivas e creador e director de distintas asociacións de pintores e de artes plásticas. Na actualidade é vicepresidente da Asociación de Pintores da Administración Nacional de Radio e Televisión de China e vogal do Instituto de Pintura ao Óleo de Beijing.
En 1999 xubílase,e a súa vida toma un xiro importante ao entregarse totalmente á creación de cadros abstractos, Aínda que se basea na estética oriental, Liu Daxuan mira tamén cara a occidente, onde repara sobre todo na obra de Picasso, Miró e Dalí, dos que toma o colorido emocionante, que mestura cunha concepción profundamente arraigada na cultura china. Isto confire á súa produción un carácter singular e, asemade, ideas, técnicas e forzas expresivas de grande axilidade.
Liu Daxuan pinta sobre papel de arroz Xuan Zhi, e inspírase nos seguintes sete temas: o ser humano, o deus e o obxecto; as cancións bucólicas dos tempos remotos; os carácteres chinos inscritos nos ósos oraculares dende 1400 a 1200 a.c.; a infinita maxestuosidade; o globo en todas as lonxitudes e latitudes; o ceo e a terra en branco e negro, e a cultura Dongba e o seu exotismo.