Ir o contido principal

A mostra ‘Explorística: Aventuras na Estatística’ achega de xeito experimental a estatística a estudantes preuniversitarios

Cartaz da mostra
Cartaz da mostra
A exposición divulgativa permanecerá aberta no Pazo de San Marcos de Lugo do 21 ao 24 de outubro. Os centros de ensino poden reservar visitas ata o venres 16

A exposición divulgativa ‘Explorística: Aventuras na Estatística’, unha mostra organizada no marco do XII Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións que permanecerá aberta ao público do 21 ao 24 de outubro no Pazo de San Marcos de Lugo, permitirá ao estudantado de ESO e BAC achegarse a conceptos de Estatística e Probabilidade de xeito experimental.

Esta mostra, incluída nun dos obradoiros organizados ao abeiro do XII Congreso Galego de Estatística, organizado polo departamento de Estatística e Investigación Operativa da USC e a Sociedade Galega de Estatística e Investigación de Operacións (Sgapeio), está avalada pola Axencia Nacional para a Cultura Científica e Tecnolóxica de Portuguesa (Ciência Viva) e conta con financiamento de Segapeio, Xunta de Galicia e da Fundación para a Ciencia e Tecnoloxía (Fecyt).

‘Explorística’ está formada por seis módulos interactivos que integran diversas actividades relacionadas coa estatística e adaptadas aos niveis formativos dos alumnos aos que vai dirixida esta acción. Son seis módulos independentes nos que o estudantado, distribuído en grupos reducidos, poderán facer fronte aos retos que se lles propón en cada fase: Recepción de participantes, tiro con arco, submarino, quizz de censos, datos viciados e Sonsaxe.

Todos aqueles centros de ensino medio interesados en visitar esta exposición, que permanecerá instalada no Pazo de San Marcos da capital luguesa do 21 ao 24 de outubro, deberán reservar a visita antes do día 16 de outubro enviando un e-mail a calquera dos seguintes enderezos de correo electrónico: xiicongreso.sgapeio [at] usc.es (xiicongreso[dot]sgapeio[at]usc[dot]es), ana.bouzas [at] usc.es (ana[dot]bouzas[at]usc[dot]es). As solicitudes de visita deberán indicar o número de estudantes que teñen interese en visitar a exposición e o curso no que están matriculados.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.10.2015.