Ir o contido principal

Unha mostra en Fonseca conmemorará o cincuentenario da creación da Fundación Penzol e o centenario do nacemento de Fernández del Riego

A exposición ‘Unha obra para un país’ conmemorará a partir da vindeira semana o cincuentenario da creación da Fundación Penzol e o centenario do nacemento de Francisco Fernández del Riego. Esta é unha mostra que organizan conxuntamente a Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua da USC; o Consello Social; a propia Fundación Penzol; a Consellaría de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria; e a Editorial Galaxia. A inauguración oficial celebrarase o vindeiro luns 8 a partir das 12.30 horas no Colexio de Fonseca nun acto no que intervirán o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán; o conselleiro Xesús Vázquez; o director da Fundación Penzol, Francisco Domínguez; e a comisaria da mostra, María Dolores Villanueva. Tamén está prevista a asistencua do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Organizada en dúas seccións, no Salón do Artesoado de Fonseca poderase percorrer ao longo de 15 paneis informativos a vida de Fermín Penzol, a historia da súa fundación, a posta en valor dos seus fondos e unha breve presentación da institución na actualidade. Mentres, na Capela gótica, seguindo un esquema similar aínda que con deseño diferente, o centro de interese será a figura e obra de Francisco Fernández del Riego, do que tamén se recrea o seu despacho ou lugar cotián de traballo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.07.2013.