Ir o contido principal

Unha mostra fotográfica achegaranos as terras escondidas do noroeste da India

O profesor da USC Santiago Fernández Mosquera e o estudante de xornalismo na Universidade de Navarra Salvador Arellano Torres mostraranos a partir da vindeira semana nunha exposición “as terras escondidas” do noroeste da India, nun proxecto conxunto do Grupo de Investigación Siglo de Oro (GRISO) da Universidade de Navarra e da USC.
A mostra é o resultado dunha das viaxes que se fan ao abeiro da divulgación académica do español no mundo. Pensada como unha actividade de valor estratéxico para establecer contactos oficiais con institucións indias, “desgraciadamente” os cambios na política académica e a dificultade das negociacións con esas institucións “non favoreceron ese achegamento no que, aínda así, se segue a traballar”, explican os autores.
O valor das imaxes de As Terras Escondidas vai máis aló da súa calidade fotográfica xa que os lugares e as persoas retratadas son de moi difícil acceso; terras escondidas e prohibidas, inestables, vindicadas por China e de fronteiras inseguras. Terras de difícil acceso sen infraestruturas de acomodamento nin de aprovisionamento. Circunstancia estas que lle achegan valor a un lugar atractivo no que habitan xentes con moi pouco contacto cos occidentais, mesmo con pouco contacto con indúes, xa que a maioría seguen a ser animistas.
A mostra As Terras Escondidas. Fotografías de Santiago Fernández Mosquera e Salvador Arellano Torres inaugurarase o mércores, 17 de xuño, ás 20:00 horas no Colexio de Fonseca.
Mostra itineranteEntre decembro de 2008 e marzo de 2009 As Terras Escondidas expúxose no Museo Nacional Soares dos Reis (Porto, decembro 2008); na Universidade de Navarra (febreiro 2009); no Instituto Castellano y Leonés de la Lengua (Palacio de la Isla, Burgos, febreiro 2009), e está previsto que viaxe a Nova Delhi en novembro de 2010 co gallo do I Congreso Iberoasiático do Século de Ouro que organizan o GRISO, o Grupo Investigación Calderón da USC, a Jawarahal Nehru University de Delhi e o Instituto Cervantes en Delhi entre outros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.06.2009.