Ir o contido principal

Unha mostra de ilustración infantil conmemora na Ánxel Casal os 30 anos da oferta de lingua e cultura checas no CLM da USC

Unha mostra de ilustración infantil conmemora na Ánxel Casal os 30 anos da oferta de lingua e cultura checas no CLM da USC
Unha mostra de ilustración infantil conmemora na Ánxel Casal os 30 anos da oferta de lingua e cultura checas no CLM da USC

O vestíbulo da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal acolle ata o 2 de xuño a exposición ‘ 12 mundos: ilustradores de literatura checa contemporánea para niños’, promovida polo Centro Checo de Madrid e enmarcada na celebración dos 30 anos da existencia da lingua e cultura checas na oferta do Centro de Linguas Modernas (CLM) da USC, antes coñecido como Instituto de Idiomas.

A mostra, que inaugurou este martes a directora do CLM e profesora de checo, Katerina Vlasakova, mostra a obra de 12 ilustradores e ilustradoras checas de literatura infantil: David Böhm, Pavel Čech, Dan Černý, Lucie Dvořáková, Renata Fučíková, Vendula Chalánková, Lenka Jasanská, Lucie Lomová, Galina Miklinová, Petr Nikl, Jaromír Plachý e Vhrsti.

Cada un deles representa unha forma de expresión propia manifestada en numerosas publicacións que mostran o amplo recoñecemento que obtiveron por parte da crítica e dos lectores, e comprende desde as publicacións para os máis pequenos, as educativas, a literatura xuvenil, a banda deseñada de humor ou relatos máis introspectivos ademais de entrar no mundo do deseño e da arte.

Esta mostra complétase con outra bibliográfica, ‘Lingua e cultura checas’, cos libros de viaxes, de cine, literatura, películas e material diverso que posúe a biblioteca sobre este tema, completados con bibliografías, fotos e textos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.05.2018.