Ir o contido principal

A mostra 'Innovación e Territorio. O legado de Fontán ao século XXI' abrirá ao público a vindeira semana no Colexio de Fonseca

A figura do ilustre catedrático galego da USC Domingo Fontán e a súa obra maxistral a Carta Xeométrica de Galicia de 1834, serán o tema central da mostra ‘Innovación e Territorio. O legado de Fontán ao século XXI’, produción da Vicerreitoría de Cultura da USC que se inaugurará o vindeiro mércores, día 8 de outubro, no Colexio de Fonseca.
O material exposto permitirá dar a coñecer a traxectoria do matemático e xeógrafo galego Domingo Fontán e profundar no desenvolvemento dos conceptos de territorio e estrutura administrativa de Galicia. Neste senso cobra especial importancia a Carta Xeométrica de Galicia de 1834, primeiro mapa realizado en España con rigor científico mediante métodos matemáticos a pesar da gran carencia de medios técnicos da época, que será a base para a realización do trazado de novas estradas.
Esta mostra, que conta co patrocinio da Dirección Xeral de Patrimonio, está comisariada polo profesor do Departamento de Xeografía da USC José Ramón Chantada Acosta e conta coa colaboración da Fundación Domingo Fontán.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.10.2008.