A mostra ‘Muller e enxeñaría: de onde vimos e onde estamos’ amosa na Politécnica a realidade feminina no eido das enxeñarías
A exposición ‘Muller e enxeñaría: de onde vimos e onde estamos’ ofrece na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo unha visión retrospectiva da progresiva incorporación da muller ao ensino universitario e, concretamente, ao eido das enxeñarías.
Esta mostra, organizada pola Subdirección de Prácticas da Escola Politécnica Superior co gallo da celebración do Día da Muller, e que se atopa espallada polos distintos aularios do devandito centro universitario lugués, pretende dar a coñecer e valorizar o crecente protagonismo da muller nos estudos de enxeñaría na universidade española e, máis en concreto, na Universidade de Santiago de Compostela. As subdirectoras da EPS Ana Isabel García Arias e Rosa Romero, que son as promotoras deste traballo de compilación e divulgación, salientaron neste senso que o obxecto desta mostra é, ademais de ser unha particular homenaxe á muller, lembrar os logros e as achegas feitas polo xénero feminino ao mundo da enxeñaría, ademais de dalos a coñecer ao alumnado do centro universitario, así como á sociedade en xeral. A exposición ‘Muller e enxeñaría: de onde vimos e onde estamos’ permite ao visitante realizar unha viaxe no tempo a través de distintos pósters, nos que se ofrece información detallada sobre algúns dos fitos máis representativos do aínda recente proceso de incorporación da muller ao ensino universitario, así como do progresivo aumento de estudantado feminino nas titulacións de enxeñaría. A escasa presenza de mulleres na universidade española a finais do século XIX, apenas se contabilizan tres ducias de universitarias no período 1872-1909; a publicación da Real Orden do Ministerio de Instrución Pública, con data do 8 de marzo de 1910 e en virtude da que se regulaba a a admisión das mulleres nos estudos superiores nas mesmas condicións que os homes, ou a posterior creación en Madrid da chamada Residencia de Señoritas para a ampliación de estudos e investigacións científicas, a xeito de Residencia de Estudantes, pero en versión feminina, constitúen algúns dos fitos históricos incluídos nesta mostra, que aínda se pode visitar este mes na Escola Politécnica Superior. A evolución de xénero experimentada pola poboación estudantil matriculada nas distintas titulacións de enxeñaría impartidas na Escola Politécnica Superior é outro dos parámetros sobre os que achega información esta exposición. Neste senso, a profesora Ana Isabel García Arias, sinala que as últimas estatísticas de matrícula proban que os estudos superiores de enxeñaría impartidos na EPS, a diferenza da tendencia xeneralizada no conxunto da USC, seguen a captar máis homes que mulleres, aínda que a presenza feminina é cada vez maior. As estatísticas de matrícula na EPS referidas ao presente ano académico indican que no curso 2013-2014 inscribíronse por vez primeira nalgunha das titulacións de enxeñaría ofertadas na Politécnica pouco máis de 100 mulleres e preto de 150 homes. As excepcións a esta tendencia atópanse nos cursos ponte das enxeñarías en Industrias Agrarias e Alimentarias e Enxeñaría Civil, así como no máster universitario en Enxeñaría de Montes, títulos universitarios con máis mulleres que homes entre o estudantado matriculado.