Ir o contido principal

A mostra ‘Pegadas para a Terra’, de Chon Bermúdez, lembra o Día Mundial do Medio Ambiente no campus de Lugo

De esquerda a dereita, Chon Bermúdez, Sonsoles López, Uxío Otero e Pedro García Herradón e Inmaculada Cárdenas, na apertura da mostra ao aire libre
De esquerda a dereita, Chon Bermúdez, Sonsoles López, Uxío Otero e Pedro García Herradón e Inmaculada Cárdenas, na apertura da mostra ao aire libre
O vicerreitor Pedro García Herradón e a deputada Sonsoles López, inauguraron a exposición na carballeira anexa á Biblioteca Intercentros, onde estará ata o 20 xuño

O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, e a deputada provincial de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, inauguraron este mércores a exposición ‘Pegadas para a Terra’, de Chon Bermúdez, co gallo da celebración do Día Mundial do Medio Ambiente.

A autora desta mostra, que é o resultado dun traballo final do Máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza (DAEN) desenvolvida coa titoría da profesora Beatriz Fernández Herrero, explicou que este traballo de educación e concienciación ambiental representa algunhas correntes e diversos personaxes que, coa súa actitude, iniciaron e desenvolveron un movemento ético político a favor da natureza. Chon Bermúdez indicou que, ademais de transmitir información, a pretensión última de ‘Pegadas para a Terra’ é sensibilizar cara o medio natural mediante valores como o respecto, a protección, a conservación e, no seu caso, a conservación de contornos deteriorados. Estruturada en dezaoito paneis: portada, presentación, introdución, movementos, personaxes e contraportada, a mostra de Chon Bermúdez ‘Pegadas para a Terra’, recala no campus lugués co desexo de chegar a toda a cidadanía e instala a que participe deixando a súa pegada na tarefa humana de construír un mundo mellor. A deputada provincial de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, felicitou aos autores da mostra, así como aos promotores e organizadores do máster DAEN, polo traballo feito e, sobre todo, por “colaborar deste xeito á educación e formación ambiental, así como á conservación da natureza, sen necesidade de que a poboación teña que pagar por un servizo básico como é a educación”. López Izquierdo reiterou o apoio da Deputación Provincial de Lugo ao máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza, dirixido polo catedrático da USC Uxío Otero Urtaza, ao tempo que lamentou que os políticos non participaran nestes programas de educación e conservación ambiental para logo poder aplicar as decisións máis acertadas cara á conservación do medio natural. O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, tamén trasladou os seus parabéns á Chon Bermúdez e a todas as persoas que fan posible o máster DAEN, “un posgrao novidoso, cunha temática de máximo interese e que non ten problemas para captar alumnado”, dixo.

O director do máster DAEN, Uxío Otero Urtaza, lembrou que este posgrao que xa camiña pola súa segunda edición, “é un programa pioneiro en España para o que buscamos unha progresiva dimensión internacional”. Otero Urtaza adiantou así que presentará proximamente este programa nun congreso internacional que se celebrará en Bilbao, ao tempo que dixo que este posgrao da Universidade de Santiago de Compostela tamén será obxecto dun artigo que sairá publicado antes de finais de ano na revista ‘Cadernos de Pedagoxía’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.06.2013.