A mostra 'Sólido, líquido, gaseoso' encherá a Igrexa da Universidade de referencias á Costa da Morte
Grandes figuras, cromatismo intenso, mestura de formas e cores recrearán na Igrexa da Universidade da USC a forza da Costa da Morte da man do artista ourensán Alexandro na exposición ‘Sólido, líquido, gaseoso. Galicia, terra e mar’. Trátase dunha produción que organizan a Universidade de Santiago e a Consellaría de Cultura e que se inaugurará este mércores 14, ás 20:30 horas nun acto no que está prevista a asistencia da vicerreitora de Cultura, Elvira Fidalgo, e do director xeral de Creación e Difusión da Cultura, Francisco López, así como do propio artista.
Alexandro está considerado como un dos representantes máis orixinais do panorama artístico contemporáneo galego, cunha produción artística que abrangue a obra pictórica de gran formato ata a ilustración de libros e carteis promocionais. É, en opinión dos comisarios da mostra Cristina Carballedo e Miguel Santalices, un dos últimos representantes dunha xeración de artistas que xorden nos anos 70 en Ourense. Caracterízase “por un gran compromiso coa arte, liberado de condicionantes estéticos”.
A obra que chega á Igrexa da Universidade materializa a visión dun pintor nado nas terras do interior “pero que atopa a súa inspiración na luz, no mar e nas xentes de Muxía para mesturar o mellor dos dous mundos”, engaden os comisarios. A mostra posúe un gran poder de evocación “emanado desas enormes figuras que sobresaen das teas, como querendo tocar ao espectador que as contempla, para chegar ás súas emocións”.
Conforman a exposición un conxunto de obras que dan conta da expresión corporal que Alexandro elixiu na que, polo de agora é a súa última etapa, óleos de gran formato onde as capas de pintura se superpoñen e constrúen texturas de cores primarias. A mostra “marca un punto de inflexión na súa traxectoria artística”, sinalan os comisarios para engadir que o pintor afronta esta nova etapa “como unha carreira cara adiante”, sen perder a súa vinculación “cunha creación xestual cargada de forza vital, na que nunca nada está rematado, só son fiestras que permiten afondar nese espírito libre comprometido coa Arte”.
A exposición permanecerá na Igrexa da Universidade do 14 de outubro ao 29 e novembro.