Ir o contido principal

A Mostra de Teatro Universitario de Galicia alcanza a súa maioría de idade

A Mostra de Teatro Universitario de Galicia alcanza a súa maioría de idade
A Mostra de Teatro Universitario de Galicia alcanza a súa maioría de idade
Celebra este ano a súa décimo oitava edición, que comezará este xoves 27 e se estenderá ata o 24 de maio con once representacións

Un total de once representacións de compañías de toda Galicia serán as protagonistas da décimo oitava edición da Mostra de Teatro Universitario de Galicia. Celebrarase entre este venres 28 e o 24 de maio con representacións no Salón Teatro e no Teatro Principal. A entrada ás representación será libre previo paso polos despachos de entradas, abertos dende as 19.00 horas. Con anterioridade ao inicio das representacións, este xoves 27 está previsto un exercicio de 2º curso de interpretación que co título ‘Un bico’ e creación colectiva porá en escena a Escola de Teatro da USC na Sala Roberto Vidal Bolaño a partir das 21.00 horas (as entradas poderanse retirar dende media hora antes).

Tolemia Teatro, compañía xurdida na USC, levantará o pano da mostra o venres 28 no Salón Teatro coa representación de ‘Lowcost por Shakespeare’, para continuar o sábado 29 coa Aula de Teatro de Santiago e súa produción ‘Cousas que trouxo a chuvia’. O domingo 30 Green Peppers (USC) leva a escena ‘Femme fatale’, seguíndolle o luns 1 de maio a Aula de Teatro Normal (UDC) co ‘Home do saco (seis pezas breves)’. O martes 2 será a quenda de Polaroid Teatro (USC) con ‘Duelo dos xoguetes’; o mércores 3 de Lobishomes (USC) con ‘O corno do derradeiro día’; e o xoves 4 de ARTías Teatro (USC) que presentará ‘Compulsivas’. Todas estas representacións comezarán ás 21.00 horas.

O ciclo reanudarase o xoves 18 de maio no Teatro Principal coa participación de Vacaloura Teatro (USC), da Aula de Teatro Universitaria de Ourense, Maricastaña, de Tik Tak Teatro (USC) e da Compañía de Teatro de Lugo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.04.2017.