Ir o contido principal

A mostra ‘Ultramar’ afonda no papel que xogou a Armada no desenvolvemento científico e tecnolóxico

Fragmento da exposición. Foto: Santi Alvite
Fragmento da exposición. Foto: Santi Alvite
A exposición pode visitarse ata o 22 de decembro no Claustro Alto do Colexio de Fonseca, de luns a venres, en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas

Un mes de novembro de hai 500 anos, unha viaxe iniciada en España estaba a punto de revolucionar o mundo. Despois de ter explorado durante meses o litoral americano ao sur de Brasil, o 28 de novembro de 1520, Elcano e Magallanes conseguiron cruzar dende o Atlántico ao Pacífico por unha vía inédita ata entón. Esta e outras aportacións españolas ao coñecemento científico poden ser rememoradas ata o vindeiro 22 de decembro visitando a exposición ‘Ultramar’ que acolle o Claustro alto do Colexio de Fonseca da USC.

Dirixida ao público en xeral, esta mostra presenta unha visión cronolóxica da presenza de militares en proxectos científicos a través de cinco das moitas expedicións científicas nas que España participou. “As cinco expedicións seleccionadas deixaron pegada de si, porque os seus protagonistas querían ser recordados a través dos seus logros, que en moitos casos cambiaron a historia da humanidade para sempre”, explica a comisaria da exposición, a física e historiadora María Luisa Losada.

“Estas viaxes abriron novos camiños no mar para barcos, xentes e mesmo animais europeos; descubriron novas culturas e maneiras de nomear as cousas; novas plantas, comidas e remedios medicinais que trouxeron de volta a Europa; innovaron na construción naval e no instrumental científico; escribiron manuais de referencia para os futuros navegantes; e debuxaron nos seus mapas o mundo que, dende entón, será de todos coñecido”, engade a comisaria. “Por iso hoxe en día todos temos algo de ultramarinos, aínda que non nos deamos conta”, conclúe María Luisa Losada.

A mostra, impulsada polo Ministerio de Defensa coa colaboración da USC, pode visitarse de luns a venres en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.11.2020.