Ir o contido principal

Mostran en Berlín o traballo da USC no ámbito do tratamento ortodóncico de pacientes con discapacidade

A profesora Abeleira no momento de comezar a súa intervención no 22 Congreso da iADH
A profesora Abeleira no momento de comezar a súa intervención no 22 Congreso da iADH

A Universidade de Santiago tivo a pasada semana unha presenza destacada no 22 Congreso da International Association for Disability and Oral Health (iADH) que se celebrou en Berlín. Trátase da cita máis importante do mundo no campo da odontoloxía para pacientes con discapacidade, que reuniu máis de 500 participantes de 40 nacionalidades. Da USC interviñeron os docentes de Odontoloxía María Teresa Abeleira e Pedro Diz. A participación da USC neste importante evento científico responde á destacada traxectoria da Unidade de Pacientes Especiais da USC que dirixe o profesor Pedro Diz no ámbito do tratamento ortodóncico de pacientes con discapacidade.

Nas súas conferencias presentaron as últimas tendencias do tratamento ortodóncico dos pacientes con síndrome de Down e parálise cerebral á vez que mostraron a actividade desempeñada ao longo de todos estes anos na Universidade compostelá.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.10.2014.