Ir o contido principal

Mostran en Edutec experiencias paradigmáticas de e-learning en hospitais

O congreso clausúrase este venres 5 cun acto oficial na Facultade de Psicoloxía

O Congreso Edutec abriu este xoves na Facultade de Psicoloxía cunha mesa redonda sobre e-learning en hospitais. No debate participaron expertos das Universidades de Santiago, Murcia e Illas Baleares xunto cun representante do Concello de Lugo para explicar os seus exemplos de boas prácticas. As profesoras da USC Carmen Morante e Isabel Porto falaron do Proxecto E-Hospital que ofrece aos pacientes de longa duración a posibilidade de realizar o ‘Curso Básico de Alfabetización Dixital’.
A continuación, as persoas inscritas no encontro traballaron en talleres sobre o deseño de contidos didácticos ou a creación de presentacións diferentes ás de Power Point, entre outras cuestións. Logo, a experta do Centro de Innovación Social de Viena, Bárbara Kieslinger, tratou o uso do software no contexto educativo e o desenvolvemento de contornos de aprendizaxe personalizados.
Pola tarde, Edutec ofrece na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Sur) varias comunicacións, unha mesa redonda sobre proxectos e-learning e a conferencia do profesor da Universidade Estatal de Utah, David Wiley, titulada ‘Pasado, presente e futuro dos obxectos de aprendizaxe’.
Venres 5A sesión do venres 5 comezará ás 9:30 horas coa exhibición da Rede Iberoamericana de Museos Pedagóxicos Interactivos da man do profesor da USC Antonio Rial Sánchez para continuar, ás 9:50 horas, coa presentación do libro As TIC para a igualdade. Xa ás 10:05 organízase unha visita ao Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) onde, ás 10:30, a xefa da Unidade Multimedia da Dirección Xeral de Educación e Cultura da Comisión Europea, Maruja Gutiérrez, explicará as políticas e accións de e-learning en Europa.
Na Facultade de Ciencias da Educación impartiranse a partir das 12:30 tres mesas de comunicacións sobre formación de cidadáns, colaboración nas redes, mellora dos espazos en liña ou experimentación coas novas tecnoloxías. Algunhas das reunións seguirán pola tarde ás 16:00 horas.
Acto de clausuraO acto oficial de clausura terá lugar, ás 17:30 horas, no Salón de Actos da Facultade de Psicoloxía. Asisten a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, María José Pérez Mariño; a subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do Sistema Universitario de Galicia, María José Tallón Nieto; a profesora da USC, Beatriz Cebreiro; o responsable da Asociación EDUTEC, Francisco Martínez; e o responsable do CESGA, Javier García Tobío.
Logo, o catedrático de Didáctica e Organización Escolar da USC, Miguel Ángel Zabalza Beraza, pronunciará ás 18:00 horas a conferencia ‘As TIC, ponte entre culturas: Iberoamérica e Europa’. Finalmente, mostrarase, ás 20:00 horas, o patrimonio da USC coa visita ‘Universidade Viva’.
O congreso Edutec ‘As TIC, ponte entre culturas: Iberoamérica e Europa’ organizouno a Universidade de Santiago en colaboración co CESGA, a asociación EDUTEC e a Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria. O encontro conta cun espazo virtual no que as persoas inscritas participan en foros de debate, intercambian ideas na distancia e asisten en liña ás conferencias presenciais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.09.2008.