Ir o contido principal

Mulleres que coa ciencia crean empresas

Comezan no Edificio Emprendia as xornadas de verán ‘Mulleres universitarias e empresarias’

Desde este mércores 15 e ata o venres terán lugar en Santiago as xornadas formativas de verán Mulleres Universitarias e Empresarias que baixo o lema ‘Mulleres que coa ciencia crean empresas’ tratarán a relación entre ciencia, xénero e emprendemento universitario. A USC e o Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades organizan este encontro.

A inauguración será ás 10.00 horas no Edificio Emprendia e nela participan o reitor Juan Viaño; o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda; a directora do Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades, Rosa Urbón; e a concelleira de Igualdade e Desenvolvemento Económico de Santiago, Marta Lois.

A continuación terá lugar a presentación do Proxecto ENRED8.3, resultado de Innovatia 8.3 e que avanza na etapa de desenvolvemento e consolidación das empresas de base tecnolóxica. A sesión correrá a cargo das vicerreitoras de Investigación e Innovación e de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, Isabel Rodríguez-Moldes e Dolores Álvarez, respectivamente; da secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella; e do adxunto ao reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento Responsable de Innovatia 8.3, José Manuel Cotos.

A sesión da mañá continuará con varias mesas redondas sobre o equilibrio de xénero e a promoción da investigación e a creación de spin-offs universitarias creadas a partir de resultados de investigación.

Exhaustivo programa
O programa de intervencións agrupa dous bloques que abordarán distintos puntos de vista implicados na temática. Por unha banda, participarán científicas que aludirán á igualdade e á transversalidade de xénero na investigación e como ten repercutido na definición dunha ciencia sesgada, para homes e mulleres. Por outra, partindo do sesgo androcéntrico do emprendemento, o programa proporá traballar obradoiros prácticos de creación de empresas que xorden do coñecemento, coa particularidade das spin-off académicas promovidas por mulleres.

Presentaranse ademais o programa específico de Amadrinamento no que mulleres expertas se prestan a facer labores de mentoría a emprendedoras afilladas coa meta común de conseguir empresas de valor, responsables e consolidadas no tempo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.06.2016.