Ir o contido principal

Mulleres e mercado de traballo e estudos de mulleres e xénero no contexto de Bolonia, a debate nas Xornadas de Estudos e Formación en Xénero

Inaugúranse este mércores, día 30, ás 9:15 na Facultade de Ciencias da Educación

Amosar a realidade sociolaboral da muller e difundir e reflexionar sobre o que se está a facer neste ámbito son os obxectivos das Xornadas de Estudos e Formación en Xénero que organiza o Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX) e que se celebrarán esta semana no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Sur).
O encontro inaugúrase este mércores, día 30, ás 9:15 horas nun acto ao que asisten a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón; a vicerreitora de Calidade e Planificación, María Dolorez Álvarez; a secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán; o decano de Ciencias da Educación, Lois Ferradás; a directora das xornadas, Ana María Porto; e a directora do CIFEX, Rita Radl.
Entre os días 30 de maio e 1 de xuño os expertos abordarán as temáticas específicas ‘Mulleres e mercado de traballo’ e ‘Estudos de Mulleres e Xénero no contexto de Bolonia’, que constitúen puntos claves dos Estudos das Mulleres e do Xénero. O encontro servirá para dar a coñecer a situación actual dos estudos de xénero na Universidade á vez que se reflexionará sobre a súa institucionalización, paso que vén de dar a USC coa posta en marcha do Programa Oficial de Posgrao ‘Educación, Xénero e Igualdade’.
Programa das xornadasLogo do acto inaugural terá lugar a conferencia ‘Estudos das mulleres en Europa: retos de futuro’ a cargo de Capitolina Díaz, directora da Unidade Muller e Ciencia do Ministerio de Educación e Ciencia. Xa ás 12:30 horas e baixo o título ‘A cuestión do xénero no Espazo Europeo de Educación Superior (EEES)’ desenvolverase unha mesa redonda na que participarán a vicerreitora de Calidade da USC; a subdirectora xeral de Universidades, Isabel Doval; e a profesora Rita Radl.
A tarde do mércores comezará con outro debate sobre alumnas e alumnos no EEES no que intervirán estudantes do Programa Erasmus e representantes de grupos estudantís da USC, que exporán o seu punto de vista sobre a cuestión de xénero na Universidade. A continuación, as profesoras do CIFEX Begoña Gómez e Josefa Mosteiro impartirán un seminario sobre a investigación e os estudos das mulleres e do xénero e as súas repercusións no contexto da USC.
Nas vindeiras xornadas analizaranse cuestións como inmigración e mercado de traballo, carreiras e atrancos nas elites profesionais, os programas de inserción laboral dende a perspectiva de xénero ou a Lei do Traballo en Igualdade das Mulleres.
A USC, pioneira en GaliciaA USC foi a primeira das Universidades galegas que logrou introducir hai xa máis de 12 anos, no curso 1994/95, a materia ‘Identidade de Xénero e Educación’, promovida e impartida polos profesores pertencentes hoxe ao CIFEX, único centro de investigación destas características no noso contexto sociocultural.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.05.2007.