O mundo alcanza o primeiro punto de non retorno

Segundo un informe publicado este luns 13 pola Universidade de Exeter con outros socios internacionais como a Universidade de Santiago de Compostela, co quecemento global a punto de superar os 1,5 °C o planeta Terra alcanzou xa o primeiro punto de non retorno e atópase perigosamente cerca doutros puntos de inflexión catastróficos, entre eles, o retroceso das capas de xeo, a degradación do Amazonas e o colapso de correntes oceánicas vitais. Un exemplo claro son os arrecifes de coral de augas cálidas, que están morrendo a un ritmo sen precedentes por ese quecemento; e mesmo se a temperatura se estabiliza en 1,5 °C se prevese que máis do 99% dos arrecifes colapsen. Para os autores do estudo, estes puntos de inflexión representan un novo tipo de ameaza que as estruturas e acordos internacionais actuais non están preparados para afrontar.
No grupo de 160 científicos e científicas responsables da publicación, pertencentes a 87 institucións e 23 países, atópase o profesor da USC Sebastián Villasante, director de EqualSea Lab (CRETUS-USC) e Investigador Distinguido de GAIN-Xunta de Galicia. Este grupo de persoal experto está colaborando coa Presidencia da COP30 (trixésima edición da Conferencia das Nacións Unidas para o Cambio Climático) para garantir que os puntos de inflexión estean incluídos na axenda do cumio. Este ano a COP30 desenvolverase en Belém, Brasil, país anfitrión e presidente da conferencia climática de 2025; unha cita moi simbólica porque está no corazón da Amazonía, unha das rexións máis afectadas pola crise climática.
Mais a pesar da gravidade da situación, as persoas autoras do estudo cren que a solución está “ao noso alcance: a Humanidade aínda pode elixir cambiar e evolucionar cara a un futuro seguro, próspero e equitativo e parece que as actitudes sociais van encamiñadas nesa dirección”, aseguran. Agora ben, que o persoal científico poña solucións concretas e viables sobre a mesa e que a sociedade teña máis conciencia sobre a necesidade de actuar é “alentador pero non suficiente”, advirten. “Para conseguir o cambio de rumbo urxente e necesario sen precedentes necesitamos unir os esforzos da sociedade civil á valentía política e o liderado dos países. Gobernos, empresas, sociedade civil e individuos teñen todos un papel que desempeñar”, reivindican. Precisamente, en busca de xerar esa cooperación a presidencia da COP30 lanzou unha iniciativa global chamada ‘Mutirão’ (que significa “esforzo colectivo”) para impulsar a acción climática en todo o mundo.
Para o persoal científico autor do traballo, “a clave para evitar a catástrofe é actuar con urxencia, apoiando a transformación social e activando puntos de inflexión positivos, como a expansión das tecnoloxías verdes”. “Trátase -explican- de transformacións positivas que sexan máis baratas, accesibles e atractivas que as opción contaminantes, como a enerxía solar, eólica e os vehículos eléctricos, que de feito xa se demostraron puntos de inflexión positivos”. As persoas autoras remarcan que unha vez substituídas, as tecnoloxías contaminantes teñen poucas probabilidades de volver a ser escollidas, porque as novas opcións resultan máis baratas e eficientes.
Así mesmo, unha acción política coordinada nos chamados “puntos de súper apalancamento” pode xerar cascadas de cambio positivo entre sectores interconectados como a enerxía, o transporte e a calefacción, adiantando a transformación en todos eles.
Dende EqualSea Lab (CRETUS-USC) queren advertir que a velocidade en que estes puntos de non retorno se está alcanzando está a ser moito maior que o que se temía e que o cambio que debemos facer como sociedade ten que ser un “sen precedentes porque o que nos xogamos é a habitabilidade do planeta Terra”.