A muralla e os olores, temas centrais do XVI Maratón Fotográfico do Campus de Lugo

Máis de 50 persoas participan na edición máis concorrida do Maratón Fotográfico do Campus de Lugo, que nesta décimosexta convocatoria ten como temas centrais a muralla e os olores, ademais do tema libre habitual na modalidade analóxica.
Estas temáticas permitirán aos fotógrafos ofrecer a súa particular visión do monumento romano da capital luguesa, que celebra este ano o seu décimo aniversario como Patrimonio Mundial, ou demostrar o seu enxeño á hora de reflectir as sensacións dos olores a través da imaxe.
Os participantes deberán presentar as súas fotografías, en analóxico ou dixital, antes das 15:00 horas deste xoves na Oficina de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo. Os traballos optarán a diversos premios, como os de 120 euros para a mellor fotografía de cada tema, modalidade analóxica e dixital; 120 euros para a mellor fotografía de tema libre; e 206 euros para a película de nivel medio máis alto. Ademais concederase o galardón ‘Carlos Valcárcel’, dotado con 236 euros, á mellor fotografía presentada por calquera persoa que asistise a algún dos cursos de formación fotográfica da USC. O nome dos gañadores coñecerase o vindeiro mes de maio.