Ir o contido principal

Muros e Lousame acollen os cursos da Universidade de Verán da USC no mes de agosto

UNIVERSIDADE DE VERÁN DA USC 2009

A Universidade de Verán da USC continuará durante o mes de agosto coa celebración de dous novos cursos en Muros e Lousame, os días 17 e 27 deste mes. En Muros, o luns 17 de agosto, botará a andar o curso 'A xestión integral do patrimonio arqueolóxico. Modelos, métodos e técnicas aplicables ó caso dos petróglifos', baixo a dirección de Josefa Rei Castiñeiras. A sesión inaugural celebrarase a partir das 10:00 horas na Casa da Cultura.
Esta proposta estival estudará a arte rupestre gravada nas rochas, “manifestación das mentalidades e dos coñecementos” que sobre o mundo tiñan as comunidades que a produciron. Analizaranse así, ao longo de 32 horas lectivas, estes vestixios como un elemento presente na paisaxe de gran parte de Europa, desde o norte de Escandinavia, por todo o Arco Atlántico, Centroeuropa e o Mediterráneo, onde se atopan milleiros de estacións cunha variedade de tipoloxías e modelos de distribución no territorio.
En opinión dos promotores do curso, a tendencia cara á xestión integrada do territorio fai necesario que un elemento patrimonial da importancia dos petróglifos sexa xestionado de maneira ordenada e poida integrarse dentro do tecido sociocultural local. Nestas sesións, daranse exemplos das posibilidades de desenvolvemento racional asociadas á posta en valor destes bens de interese cultural.
LousameOs expertos e estudantes reunidos os días 27 e 28 de agosto en Lousame no curso de verán da USC 'Xestión do patrimonio industrial', que dirixe o profesor Xan Carmona, tentarán buscar a maneira de aproximar o patrimonio industrial como un instrumento idóneo para que os cidadáns o asuman como sinal de identidade e como un elemento definitorio da memoria histórica. O acto inaugural do encontro terá lugar o xoves 27 ás 9:30 horas no Salón de Actos da Casa da Cultura “Santeiros de Chave” de Lousame.
Dende a autocrítica e a diagnose exhaustiva sobre a situación actual na xestión do Patrimonio Industrial, no curso fomentarase a elaboración de materiais didácticos sobre a Historia e o Patrimonio Industrial, recollendo as percepcións que se teñen do tema dende as distintas disciplinas da ciencia, da técnica e da historia.
Analizaranse deste xeito os elementos industriais máis prioritarios en base ao seu interese e posibilidades de recuperación, incorporando posibilidades de reutilización. Ademais, mostraranse casos reais de xestión do patrimonio industrial que poidan servir de modelo para novas accións como o Parque Mineiro de Almadén, o Museo Mineiro de Riotinto, a fábrica de conservas Calvo en Esteiro (Muros) ou o Museo Noruegués da Conserva.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.07.2009.