O Museo de Historia Natural celebra o Día Internacional dos Bosques con rutas polos parques da cidade

Co lema ‘Bosques por unhas cidades sostibles’, o Museo de Historia Natural da USC (MHN) organiza esta fin de semana co Concello de Santiago unha serie de rutas temáticas polos parques da cidade. Estarán dirixidos polos biólogos María José López Fernández e Daniel Castro Fernández, especialistas en zooloxía e botánica, respectivamente.
A actividade, gratuíta e dirixida a público de todas as idades, dará comezo na tarde do venres 23, ás 17.00 horas no propio Museo, para coñecer a contorna deste espazo universitario no Parque Vista Alegre. Xa o sábado, haberá pola mañá un percorrido pola Alameda e o Campus Vida que partirá ás 12.00 horas do Palco da Música e ás 17.00 horas, saíndo da porta principal do Colexio de Fonseca (na rúa do Franco s/n) outra ruta polo casco histórico e o Parque de Bonaval.
As rutas presentáronse esta mañá nunha rolda de prensa na que participaron o director do Museo, Marcos González, o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, e Luis Incera, de Ferrovial. González explicou que con elas pretenden mostrar "os valores ecolóxicos e mesmo históricos dos parques e xardíns que temos máis preto, e explicar que cando se fala de medio natural non se fala unicamente das reservas da biosfera". Lembrou tamén a exposición temporal do MHN sobre os aneis de crecemento da madeira (de entrada gratuíta) como un complemento excelente ás acción da fin de semana.
Na presentación, Xan Duro destacou que Santiago é a cidade galega que maior número de metros cadrados verdes ten por habitante e unha das maiores do Estado. “Dentro do concello hai máis de dous millóns de metros cadrados de zonas verdes nas que están incluídas máis de 30.000 árbores, o que fala dunha calidade ambiental espectacular”, dixo.