Ir o contido principal

O Museo de Historia Natural organiza cinco obradoiros divulgativos para nenos e nenas de 6 a 12 anos

Cartel cos obradoiros que que organizará o Museo de Historia Natural entre marzo e maio
Cartel cos obradoiros que que organizará o Museo de Historia Natural entre marzo e maio

O Museo de Historia Natural da USC organiza cinco obradoiros dirixidos a nenos de entre 6 e 12 anos que se celebrarán os meses de marzo abril e maio. En todos os casos ofértanse un máximo de 30 prazas, sendo necesario facer reserva previa, polo menos con dous días de antelación á data de celebración do obradoiro.

‘Que son os xenes’ abrirá este calendario o sábado 5 de marzo coa intención de expoñer unhas nocións básicas de xenética, qué son o ADN ou os xenes, onde se atopan e a súa importancia. Para isto, realizaranse experimentos de laboratorio e manualidades ao redor da temática.

Para abril están previstas dúas propostas, sobre a conmemoración en 2016 do Ano Internacional dos Legumes (día 2 de abril) a través dun taller culinario con estes produtos para valorar a súa importancia, variedade, orixe e valor como alimento; e sobre ‘A danza da natureza’ que realizará un curso de introdución na danza africana con música en vivo.

A vida nos ríos abrirá a quenda de actividades de maio, cun achegamento ao río Corgo, a carón do propio Museo, para facer un estudo da calidade da súa auga e da súa biodiversidade e realizar manualidades sobre o tema. O abano de actividades rematará cunha ruta interpretativa dos parques de Santiago de Compostela o sábado 21 dirixido tanto a nenos/as como a adultos. Formulouse unha ruta a modo de paseo que partirá do Museo de Historia Natural para visitar os parques de Vista Alegre e Galeras, pasando pola Finca do Espiño, o paseo do Sarela e concluíndo no Alameda. Polo camiño, realizaranse xogos para animar os máis pequenos.

A reserva das prazas pode realizarse na web do museo, de xeito presencial nas instalacións do Parque de Vista Alegre ou no teléfono 881.816.350.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.02.2016.