Ir o contido principal

O Museo de Historia Natural da USC acolle este sábado a asemblea xeral do Consello Galego de Museos

Representantes de 33 museos de toda Galicia reuniranse este sábado 28 na asemblea xeral anual do Consello Galego de Museos (CGM) que terá lugar no Museo de Historia Natural da USC. Emprazado na Finca Vista Alegre de Santiago e inaugurado este ano académico, o museo que dirixe a profesora María Isabel Loza forma parte desta plataforma de coordinación e colaboración entre as institucións museísticas galegas. Na xuntanza, que dará comezo ás 11.00 horas, presentarase o informe de contas do exercicio 2014 e o de xestión e propostas de actuación para o presente ano. Ademais, nomearanse membros honorarios do CGM a Felipe Arias Vilas e Francisco Fariña Busto. O CGM xorde en 1981 coa organización do I Coloquio de Museos Galegos, a primeira tentativa de establecer unha coordinación e cooperación entre esas entidades. O encontro deu en 1983 na creación como tal do Consello, aínda que non sería ata 1990 cando adquira estatuto legal. Os seus principios de actuación baséanse na idea de que os museos galegos deben centrar as súas accións no proceso de normalización da cultura de Galicia e de reconstrución da conciencia colectiva, en gran medida, e da memoria histórica e cultural.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.03.2015.