O Museo de Historia Natural da USC recibiu 2.000 visitas nas tres xornadas de portas abertas

Logo de ter recibido aos primeiros 2.000 visitantes nas tres xornadas de portas abertas celebradas esta semana, o Museo de Historia Natural da USC (MHN) celebrou este sábado 18 a súa inauguración oficial nun acto no que participaron o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o reitor da USC, Juan Viaño; o alcalde do Concello de Santiago, Agustín Hernández; o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo; e a directora do MHN, María Isabel Fraga. O Museo iniciará a partir do vindeiro martes 21 a súa actividade normal. A partir de pezas que se remontan ao século XIX, doazóns e achegas institucionais e persoais, o Museo de Historia Natural estrea nova sede reivindicando a súa misión educativa e social, xa que ademais das súas tarefas de investigación e educación formal centrará o seu labor futuro na divulgación científica para todos os públicos, explica a súa directora, a profesora de Bioloxía María Isabel Fraga. Os principais espazos das novas instalacións agrúpanse arredor da Biodiversidade e Biodiversidade Terrestre, na pranta baixa, e dos apartados dedicados a Xeodiversidade e Solo e Biodiversidade Mariña na primeira pranta. Así, dende un espazo multimedia dedicado á comprensión da biodiversidade, a exposición permanente do MHN é un singular percorrido polas fauna e flora das augas continentais e dos bosques galegos ou pola xeodiversidade cunha detallada colección de minerais, pedras preciosas e semipreciosas, rochas, fósiles ou meteoritos. Tamén ten o seu espazo a biodiversidade mariña, as algas, os invertebrados, os peixes ou o litoral galego, e outros ecosistemas máis lonxanos como a selva sudamericana ou a sabana africana. Cada un dos temas abordados móstrase ante o visitante cunha reprodución fiel que representa o ecosistema en cuestión e os seus protagonistas, co apoio das explicacións oportunas en distintos formatos para que a visita sexa unha experiencia interactiva que require da actitude activa de quen a visita. O grao de reprodución da vida real alcanzado aspira a reflectir o medio natural e trasladar ao visitante ao contexto real do que se lle expón. Xoias do Museo Con respecto a outras propostas expositivas, o Museo de Historia Natural da USC alberga pezas singulares de gran valor para o estudo e a divulgación da biodiversidade e o medio ambiente, concretamente no relativo ao solo, a cristalización dos minerais ou á malacoloxía. Así, segundo explicou a profesora Fraga, por vez primeira en España exponse unha sala dedicada ao solo, cunha reprodución á escala dun fragmento de chan cortado en sección de xeito que se poden apreciar distintos elementos que inciden na súa conformación ou a súa relación coa fauna e a flora. Trátase dunha parte do medio ambiente “moi descoñecida, pero de grande importancia”, con múltiples aplicacións como, por exemplo, no estudo da evolución histórica do clima ou da contaminación do contorno a través dos estratos depositados en épocas sucesivas a modo de rexistros históricos. Uns metros antes, tamén na primeira planta, exponse unha colección única en España polo seu grao de detalle e unha das mellores do mundo de modelos de madeira coas formas xeométricas de cristalización das distintas especies minerais. É unha colección elaborada no século XIX baixo a dirección de René-Just Haüy, recoñecido como o fundador da Cristalografía. Xunto estas dúas valiosas propostas, o Museo de Historia Natural é depositario da mellor colección de Europa e unhas das primeiras de todo o mundo no seu ámbito temático, a Colección Malacolóxica Emilio Rolán, cun volume próximo ao millón de pezas. Emilio Rolán está recoñecido como o investigador que máis especies mariñas ten descuberto e descrito, máis de 900. Outras actividades Ademais da exposición permanente, o Museo reserva un espazo para propostas temporais que terá como primeiro protagonista á propia historia do MHN dende 1840 ata 2011. No futuro este espazo irá renovando os seus contidos que se combinarán, á súa vez, coa realización doutras propostas divulgativas sobre cuestións de actualidade como o obradoiro que xa está previsto para o mes de novembro arredor dos cogomelos, co lema ‘ Que son?. Como recoñecelos?’. Este taller celebrarase os sábados de cada mes, con atención a tres perfís distintos, e polo tanto con orientacións singulares para cada un deles: público adulto, xuvenil (12 -18 anos) e infantil (6-11 anos). Esta última iniciativa representa outras das particularidades xerais do proxecto expositivo do Museo, como explica Maria Isabel Fraga, xa que os mesmos contidos pódense presentar e interpretar dende distintas perspectivas que se adecúan ás necesidades de públicos con necesidades diferentes. Visitas As visitas á exposición permanente pódense facer con ou sen guía. No caso das visitas tanto de grupos como as guiadas será necesario realizar reserva previa para evitar problemas de aforo, dirixíndose aos teléfonos 881.816.350 ou 677.947.783 ou no correo electrónico visitas.museohistorianatural [at] usc.es (visitas[dot]museohistorianatural[at]usc[dot]es). Guiados por María Isabel Fraga, nun momento da visita pola sección dedicada á xeodiversidade. Foto: Santi Alvite O Museo dispón dunha sala específica dedicada ao solo, única en España polas súas características. Foto: Santi Alvite A visita ao MHN comeza cunha sección dedicada á biodiversidade Entre os ecosistemas reproducidos, atópase unha selva sudamericana




