Ir o contido principal

O Museo do Templo de Mitra recibe máis de 100 visitas diarias durante as primeiras xornadas de portas abertas

Participantes nunha das visitas guiadas ao Museo do Templo de Mitra
Participantes nunha das visitas guiadas ao Museo do Templo de Mitra
O arqueólogo Celso R. Cao destaca a “grata sorpresa e a satisfacción” que causa este xacemento romano achado en Lugo entre as persoas que acoden a coñecer a ruína

O xacemento romano que agocha o Museo do Templo de Mitra, unha instalación inaugurada o pasado 16 de xullo na Casa do Saber da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares, no transcurso dun acto que congregou numerosas autoridades políticas e académicas, contabiliza máis de 100 visitantes diarios durante as primeiras xornadas de portas abertas, unha quenda de visitas guiadas que comezou o pasado 22 de xullo e, na actualidade restrinxida a horario matinal, de luns a venres, con pases programados ás 11.00, 12.00 e 13.00 horas.

O incesante goteo de visitantes que se ten achegado nesta última semana ata a Domus do Mitreo dá boa conta da importancia e do interese desta ruína romana, un xacemento único no noroeste peninsular que achega non pouca información sobre a forma de vida dos romanos que habitaron a capital luguesa ata o séculos II e III da era cristiá e que tamén aporta luz sobre a configuración socioeconómica, arquitectónica e urbana da cidade de Lugo da época, segundo indica o arqueólogo Celso Rodríguez Cao. Rodríguez Cao, que dirixiu as escavacións deste xacemento romano, cuxo proceso de recuperación e posterior musealización requiriu unha inversión de máis de 2,3 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia, conduce na actualidade o programa de visitas guiadas habilitado ao abeiro dun convenio entre o Concello de Lugo e a Universidade de Santiago de Compostela. As xornadas de portas abertas da Domus do Mitreo continuará no mes de agosto con visitas guiadas en quenda de mañá durante a fin semana e cun horario semellante ao que se desenvolven estes itinerarios explicativos na actualidade. O perfil dos visitantes do Museo do Templo de Mitra é moi diverso, segundo salienta o propio Celso Rodríguez Cao, quen sostén que o xacemento romano da Domus do Mitreo é de interese para todos os públicos. Este arqueólogo comenta neste senso que nos primeiros días de portas abertas achegáronse ata a Domus do Mitreo desde familias con bebés ata unha nonaxenaria do casco histórico lugués e que, logo de ter relación durante moitos anos coa antiga propietaria do Pazo de Montenegro, acudiu este novo museo movida pola curiosidade para coñecer en primeira persoa o achado atopado nas escavacións feitas no solar. Entre o público que se ten achegado estes días ao Museo do Templo de Mitra cómpre salientar a presenza de veciños de Lugo, sobre todo de residentes en áreas próximas á zona na que está emprazado este xacemento, así como de turistas e, sobre todo de profesores e investigadores universitarios, así como de arqueólogos, historiadores e estudosos procedentes de todo o país. Rodríguez Cao sinalou neste senso que nestes días coñeceron os segredos que garda a Domus do Mitreo máis de vinte profesores e arqueólogos procedentes das universidades de Oviedo, Murcia, Mérida, Barcelona e da propia Universidade de Santiago de Compostela. “E todos quedaron tan encantos como impresionados coa ruína”, di Rodríguez Cao.

Respecto da procedencia dos visitantes, a Domus do Mitreo de Lugo recibiu nestes días persoas chegadas de distintas localizacións da provincia, así como outros procedentes das cidades de Coruña, Ourense, Xixón, Oviedo León, Zamora, Madrid, Barcelona, Mérida, Sevilla, Córdoba, Albacete, Murcia, Valencia e incluso visitantes chegados de Londres.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.07.2013.