Os museos científicos coruñeses pechan o Ano Darwin cunha exposición producida polo Museo de Historia Natural da USC
Na sala Severo Ochoa da Domus presentouse a finais do pasado decembro a exposición ‘Illas de Cabo Verde: primeira escala do Beagle e modelo de diversificación e irradiación de moluscos mariños’, que xa estivo exposta no Colexio compostelán de Fonseca recibindo a visita de 7.000 curiosos. Na Domus permanecerá agora aberta ata marzo.
A exposición explora as illas de Cabo Verde como laboratorios naturais de evolución e diversificación biolóxica, revivindo as expedicións científicas para estudar os exclusivos moluscos mariños deste arquipélago do noroeste africano.
Producida polo Museo de Historia Natural ‘Luis Iglesias’ da Universidade de Santiago de Compostela, na mostra faise un percorrido a través de paneis gráficos, vídeos, vitrinas con exemplares dos moluscos e un xogo didáctico interactivo.
As illas de orixe volcánica de Cabo Verde resultaron ser un laboratorio natural para coñecer a evolución dos moluscos mariños, que procedían das costas de África e doutras zonas máis afastadas. Co tempo, estas poboacións de moluscos mariños foron evolucionando ata orixinar novas especies exclusivas destas illas. Por iso Cabo Verde ten recibido a visita de numerosas expedicións científicas.
Unha delas foi a do Beagle, o barco no que Charles Darwin realizou a súa viaxe de descubrimento científico. Entre o 16 de xaneiro e o 7 de febreiro de 1832 fixo escala nas Illas de Cabo Verde, onde estudou e recolleu mostras de animais, plantas e rocas, con importantes descubrimentos como a observación, nun acantilado, dun estrato de conchas mariñas a uns 13 metros sobre o nivel do mar da que xurdiu a súa propia teoría da elevación dos continentes.