A música clásica soou en directo no E=mc2 nun concerto de novos intérpretes
A sala E=mc 2 da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo acolleu este luns 31 de xaneiro unha nova actuación dentro do ciclo ‘Músicas na Vidreira’ de Lugo Cultural.
Alumnos do Centro de Música Profesional Fingoi foron os encargados deste segundo concerto, interpretando as pezas Rondó, de Purcell, Don Quixote, de Telemann, e Piziccato Polka, de Strauss para o público asistente, entre o que se atopaban medio cento de escolares do colexio Rosalía de Castro de Lugo. Os instrumentos de vento e corda foron os últimos protagonistas, que darán paso a unha nova cita coa música o vindeiro 7 de febreiro no Ibader. Nesa ocasión serán intérpretes da Fábrica de Sons os que porán banda sonora ao espazo universitario. ‘Músicas na vidreira’ é unha aposta de Lugo Cultural encamiñada á promoción dos novos intérpretes integrados nos centros formativos musicais de Lugo. Os concertos teñen unha duración duns vinte minutos e este ano distribúense en diferentes emprazamentos do ámbito universitario, completando outra das iniciativas deste programa centrada na música clásica como é o ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’.